O CIFP Porta da Auga de Ribadeo incorpórase á Rede de Centros de Capacitación Dixital
O Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Porta da Auga, de Ribadeo, vén de incorporarse á Rede de Centros de Capacitación Dixital, ofertando nos vindeiros meses cursos totalmente gratuítos para a adquisición e mellora das competencias dixitais básicas da cidadanía. En xullo realizaranse dous, un de nivel intermedio e outro de nivel básico. O primeiro será desde o día 1 ata o 12 e o segundo, do 15 ao 26, os dous de 10 a 13 horas.
Trátase de cursos de 30 horas que, unha vez superados, conducen á acreditación da cualificación de nivel 2 do Sistema Nacional de Cualificacións Profesionais Dixitalización aplicada á contorna profesional (IFC748_2), válida para bolsas de emprego, oposicións, concursos, etcétera. Para realizar os cursos só é preciso non estar nese momento matriculado noutros estudos formais dependentes da Consellería de Educación.
Pódese realizar a matrícula e solicitar máis información dende a páxina web do centro (www.portadaauga.es), e de luns a venres no propio CIFP Porta da Auga, de 08.30 a 15.00 horas e de 16.00 a 22.00 horas.