O ciclo sobre os segadores de Órrea chega ao seu final cunha viaxe á provincia de Segovia

TerraChaXa | AMariñaXa
Serán recibidos polo Concello de Santa María la Real de Nieva, onde se proxectará, con subtítulos en castelán, o documental, que xa foi visto por 2.500 persoas
segadores-orrea-carbonero
8 Mar 2025

55 veciños e veciñas da Órrea visitan durante esta fin de semana a terra á que os seus segadores
acudían, verán tras verán, para participar na sega.

Este sábado, 8 de marzo, a partir das 18.00 horas, proxectarase na Sala de Exposicións do Claustro de Santa María la Real de Nieva, provincia de Segovia, o documental Segadores da Órrea en terras de Castela, unha historia de heroes, elaborado pola Asociación de Veciños e Veciñas de Santa Comba da Órrea, que está rematando o seu percorrido e que foi visto ata agora por máis de 2.500 persoas.

O documental conta coa participación de 29 homes que estiveron na sega en Castela, fenómeno este que se deu por rematado avanzada a década dos 60 do pasado século. Participan tamén 2 mulleres, que ofrecen a visión dos/das que se quedaban. Os segadores da Órrea traballaban nas provincias de Segovia e de Madrid, sendo Santa María la Real de Nieva unha das localidades tomadas como referencia deste fenómeno migratorio temporal que se levaba a cabo durante os meses de verán.

A Asociación de Veciños e Veciñas de Santa Comba da Órrea organizou para esta segunda fin de semana do mes de marzo unha viaxe á provincia de Segovia como actividade final de todo o traballo realizado de recuperación da participación dos labregos nas segas de Castela.

A actividade está organizada conxuntamente co Ayuntamiento de Santa María la Real de Nieva e coa Área de Cultura da Deputación de Segovia, e pretende basicamente realizar o camiño dos segadores e poder xuntar as dúas partes participantes neste fenómeno histórico, os labregos galegos e os propietarios casteláns, que tiveron unha relación permanente durante tres séculos, segundo teñen probado as investigacións realizadas. Os segadores da Órrea poden ser considerados, seguramente, as últimas testemuñas vivas deste fenómeno e de aí que os “brutos” do documental vaian pasar, en vindeiras datas, a ser custodiados polo Museo do Pobo Galego.

Ademais de participar no acto central en Santa María la Real de Nieva, as persoas participantes visitarán outros lugares onde traballaron os segadores da Órrea, así como outras localidades da zona.

A Asociación de Veciños e Veciñas da Órrea pretende dar por rematado deste modo o ciclo sobre os segadores, que comezou no ano 2015 cunha mesa redonda na que participaron varios dos protagonistas, coa publicación dun libro que recolle a historia dos segadores da Órrea (ano 2018), cunha viaxe desandando o camiño destes traballadores (tamén ano 2018) e, finalmente, co documental (ano 2023) que agora está pechando o seu periplo.

 

⚙ Configurar cookies
0.05426287651062