O ciclo de concertos Soa Forte chega a Ribadeo os domingos de agosto
O ciclo de concertos Soa Forte chega a Ribadeo os domingos de agosto. Así, arrincará o día 8 con Roma e seguirá con Beetle Judge, Remakers e Astra.
Soa Forte é un ciclo de concertos que pretende aproveitar e pór en valor o forte de San Damián, á parte de como sitio expositivo ou mostra de arquitectura militar, como lugar onde escoitar música. O ciclo ocupará os domingos de agosto ás 20.30 horas, co público sentado e gardando o resto das medidas anti covid 19.
O domingo 8 actúa Roma, unha banda de pop-rock, proxecto persoal de dous irmáns logo de tocar coas mellores orquestras e influídos por Leiva, Quique González, Andrés Suárez ou Dani Fernández.
O segundo grupo que se poderá escoitar o domingo 15 de agosto é Beetle Judge, unha banda de rock and roll nacida en 1997 en Ribadeo, con moita presenza de temas propios e onde xa se podían observar influencias de Alice in Chains ou Monster Magnet. Pronto Jose Carlos Diaz ofrécelles gravar unha maqueta e a partir de aquí unha serie de acontecementos fan que se lle abran moitas portas. Vencen no concurso dos 40 Principais en Oviedo e gravan o seu primeiro disco coa discográfica avilesina Norte y Sur Records. A partir deste momento xiran pola xeografía do Estado e chegan a seren abre cancelas de grupos como Los Suaves ou Siniestro Total. No 2001 presentan un ep auto editado, Lagoon,con 5 temas propios e unha versión de Motorhead. Despois de varios anos de parón creativo o estilo cambia cara á madurez, con máis contundencia aínda nas letras e no son. A súa última aparición foi en 2014 para o peche da mítica sala de concertos ribadense Mini Bar.
Soa Forte rematará o 28 de agosto coa actuación de ASTRA. Astra é un grupo musical formado polos ponteses Carla Alvariño Fernández e Víctor Leal Bouza. Estes presentan o seu primeiro traballo discográfico Andrómeda, formado por dez temas que xiran en torno ao pop-rock. Ademáis, tamén apostan por algunhas versións de cancións actuais, seguindo en constante busca do seu estilo propio.
Xunto aos grupos terá o seu oco o colectivo artístico multidisciplinar As Vacas Fracas. Os seus compoñentes dispoñen dun background en formación artística, deseño e fotografía, que serviu como base para asentar e consolidar a súa paixón e vinculación coas artes plásticas. A formación multidisciplinar dos seus integrantes permítelles crear obras diversas, que teñen como obxectivo crear e comunicar a través dunha estética abstracta con guiños figurativos, que espera transmitir sentimentos e paixóns encontradas cos seus espectadores.