O ciclo de concertos Maraxes da Osa, que anticipa o festival Osa do Mar, chega á Mariña

AMariñaXa
Marilia Monzón e Mercedes Cañas serán as primeiras artistas en actuar na Casa da Cultura de Burela
osa-do-mar-burela
14 Mar 2025

Maraxes da Osa quere converterse nun sopro de aire fresco na Mariña de Lugo a través dun ciclo de concertos que servirá de antesala ao festival Osa do Mar. Esta nova proposta musical busca achegar ao público unha programación de concertos en espazos máis recollidos antes da chegada do festival, previsto para o verán.

A primeira cita deste ciclo terá lugar o venres 11 de abril, coa actuación de Marilia Monzón, cantante e compositora canaria coñecida pola súa voz cálida e a súa fusión de estilos. O concerto celebrarase na Casa da Cultura de Burela ás 21:00 horas (apertura de portas ás 20:30 h).

O segundo evento estará protagonizado pola madrileña Mercedes Cañas, que traerá o seu estilo fresco e cheo de emoción o sábado 10 de maio, tamén ás 21:00 horas, no mesmo recinto.

As entradas anticipadas xa están dispoñibles tendo un prezo de 15 euros xeral, para persoas de 16 a 17 anos será de 10 euros, e para menores de 16 é gratuíta. Na billeteira será de 18 euros.

Desde a organización avanzan que pronto haberá máis confirmacións, que seguirán quentando motores de cara ao Osa do Mar, un dos festivais máis esperados do verán na Mariña lucense.

⚙ Configurar cookies
0.14853715896606