O ciclismo base toma as rúas de Ribadeo cunha proba que reunirá 200 participantes

AMariñaXa
O I Premio Escolas Vila de Ribadeo celebrarase este domingo pola tarde con cinco categorías en competición e posibles cambios no tráfico na vila
RIBADEO premio escolas
11 Apr 2026

Ribadeo converterase este domingo nun punto de encontro para o ciclismo base coa celebración do I Premio Escolas Vila de Ribadeo, unha cita que reunirá arredor de 200 participantes e que estreará no municipio esta nova competición dirixida ás categorías de formación.

Segundo explicou o concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, as saídas desenvolveranse entre as 15.30 e as 17.30 horas e abranguerán as categorías alevín, infantil, promesa, principiante e cadete. A programación inclúe ademais a posibilidade de realizar unha xincana de forma paralela mentres compitan os cadetes, sempre que así o determine o xurado técnico.

A celebración da carreira implicará tamén restricións e modificacións no tráfico rodado, xa que o percorrido discorrerá por distintas rúas da vila. Ademais, o aparcamento do porto permanecerá pechado durante o desenvolvemento da proba.

Desde o Concello confían en que esta primeira edición acade unha boa resposta tanto no plano deportivo como no ambiental, e en que as familias que acompañen aos corredores aproveiten tamén a xornada para gozar da estancia en Ribadeo. A presentación do evento contou coa participación do xefe do Servizo Provincial de Deportes da Xunta en Lugo, Manuel Otero, do propio Silvent, do técnico municipal de Deportes Iván López e de Iván Rodríguez, membro do club Clementina.

0.11302804946899