O certame Amarte contará cun obradoiro infantil de iniciación ao graffiti

AMariñaXa
Burela organiza un obradoiro infantil de iniciación ao graffiti, que terá lugar durante a celebración do Certame Amarte en agosto
graffiti 2
9 Xul 2021

A Concellería de Cultura organiza un obradoiro infantil de iniciación ao graffiti, que terá lugar durante a celebración do Certame Internacional de Pintura Mural Amarte en agosto. O prazo de inscrición ábrese o 12 de xullo. 

O concelleiro de Cultura, José Díaz, anunciou que “a partir deste próximo luns, 12 de xullo, ábrese o prazo de inscrición para un obradoiro infantil que imos facer durante o desenvolvemento do Certame de Pintura Mural Amarte deste ano, que se vai celebrar entre o 5 e 8 de agosto. A xente pode chamar á Casa da Xuventude ao teléfono 982 58 11 41 para anotarse. O taller será completamente gratuíto”.

O edil burelés sinalou que “o sábado 7 de agosto de once da mañá a dúas da tarde vaise facer un taller para nenos de entre 10 e 15 anos de iniciación á pintura en graffiti. Vai ser no mesmo muro, fronte a onde pintan os artistas, mentres eles estean pintando estarán os nenos e as nenas con dous monitores, un deles é Diego Anido, que foi un dos gañadores do certame do ano pasado. Ensinaranlles aos pequenos as técnicas máis básicas de iniciación para aprender a facer eses debuxos que fan os artistas de Amarte e meterlles un pouco o gusto por este arte que tanto está representando para Burela coa celebración deste Certame Internacional de Pintura Mural”. 

0.10826706886292