O Centro Social de Merille, en Ourol, acollerá un curso práctico sobre cultivos de outono e inverno

O Concello de Ourol, a través da Biblioteca Municipal, promove unha nova acción formativa destinada ás persoas interesadas en mellorar os seus coñecementos de horticultura. Trátase dun curso práctico de “Cultivos de outono-inverno”, que se desenvolverá no Centro Social de Merille os días 1 e 2 de outubro, en horario de 16:00 a 20:00 horas.
As persoas interesadas poden anotarse ata o 30 de setembro chamando ao 982 559 019 ou ao 608 694 051. O curso, con prazas limitadas, céntrase en ofrecer ferramentas sinxelas e adaptadas para que calquera persoa poida preparar a súa horta de cara á tempada fría.
Durante as sesións abordarase o coidado do horto no inverno, así como os cultivos máis axeitados para esta estación. Tamén se explicará como preparar o terreo retirando os restos de colleitas anteriores, a planificación da sementeira e a rotación de cultivos, así como técnicas de cobertura da terra, como o acolchado. Ademais, daranse a coñecer os materiais imprescindibles para garantir o bo funcionamento da horta durante os meses máis duros do ano.
Desde o Concello destacan que esta actividade enmárcase dentro das accións de dinamización do medio rural e busca fomentar a autosuficiencia alimentaria, ao tempo que promove un uso responsable e sostible dos recursos.