O centro ribadense Pedro Murias ensinou a elaborar queixo de San Simón
O Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) Pedro Murias de Ribadeo, adscrito á Consellería do Medio Rural, acolleu un obradoiro de transformación de produtos lácteos centrado na elaboración de queixo da Denominación de Orixe Protexida (DOP) San Simón da Costa.
Este evento forma parte das accións de transferencia tecnolóxica impulsadas pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal). O programa do obradoiro abrangueu dende a introdución á queixería e aos leites fermentados ata prácticas de preparación deste tipo de produtos con selo de calidade diferenciada.
Neste taller púxose en valor a ampla e extensa tradición de Galicia na elaboración de queixos e, nomeadamente, a importancia do San Simón da Costa, un produto que destaca polo seu toque afumado e que está recoñecido a nivel europeo pola súa particularidade e calidade. Este queixo remóntase aos pobos que durante a cultura castrexa se asentaron nas zonas próximas aos montes das serras da Carba e do Xistral.
Actualmente a zona de produción, tanto do leite como do queixo, atópase ao norte da provincia de Lugo e está constituída pola comarca da Terra Chá, que engloba os concellos de Abadín, A Pastoriza, Begonte, Castro de Rei, Cospeito, Guitiriz, Muras, Vilalba e Xermade. No ano 2018 a produción certificada superou lixeiramente o medio millón de quilos, cun valor económico estimado de máis de 3,6 millóns de euros.