O centro mariño de Ribadeo prepara novas entregas de semente de ameixa e ostra plana

O Centro de Cultivo Mariños do Centro de Investigacións Mariñas de Galicia (CIMA), situado en Ribadeo, ultima a entrega de novos lotes de semente nas vindeiras semanas. Así o anunciou a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, na súa primeira visita a estas instalacións desde a súa chegada ao cargo.
Acompañada polo director do CIMA, Carlos Gabín, e pola responsable da planta, Justa Ojea, percorreu as dependencias do centro, onde puido coñecer de primeira man o labor que se vén desenvolvendo e analizar posibles actuacións de futuro.
As previsións inmediatas inclúen a entrega dun lote de 100.000 unidades de ameixa babosa, destinadas ao seu preengorde nas instalacións da confraría da Illa de Arousa. Do mesmo xeito, está programada outra partida de 117.000 unidades de ostra plana, dentro do proxecto Ostreares. Esta iniciativa, integrada na rede Redemar —que une centros de investigación mariña autonómicos co sector pesqueiro—, ten como obxectivo restaurar os bancos naturais desta especie na enseada de San Simón, na ría de Vigo, coa colaboración da Federación de Confrarías de Pescadores de Pontevedra.
Suárez puxo en valor o traballo e a experiencia dos técnicos do centro ribadense, fundamentais á hora de subministrar semente ás entidades sectoriais e impulsar accións de rexeneración nas zonas marisqueiras. Ademais, resaltou o carácter pioneiro das instalacións, que funcionan con enerxías renovables e non deixan pegada de carbono, exemplo do compromiso da Xunta cun sector estratéxico e cunha xestión sostible.
A directora xeral destacou tamén que Galicia conta con centros de investigación mariña de referencia, que contribúen de maneira decisiva á competitividade e á sustentabilidade da actividade pesqueira e marisqueira. Un modelo de colaboración e traballo conxunto que, segundo afirmou, resulta clave para reforzar o liderado internacional de Galicia neste ámbito.