O centro de saúde de Ourol estivo sen médico durante dous días

AMariñaXa
O alcalde de Ourol denunciou que esta semana o centro de saúde do Concello estivo sen médico para atender á veciñanza durante dous dias
centro saude Ourol
13 Apr 2022

O rexedor explicou que o facultativo que atendía aos 1.000 veciños e veciñas do Concello actualmente está de baixa, “e como só temos asignado un médico, agora estamos sen ningún profesional que atenda aos doentes”.

O alcalde socialista de Ourol, José Luis Pajón Camba denunciou que esta semana o centro de saúde do Concello estivo sen médico para atender á veciñanza durante dous dias (onte e hoxe), ademais do xoves da semana pasada. O rexedor explicou que o facultativo que atendía aos 1.000 veciños e veciñas do Concello actualmente está de baixa e seguirá así varios meses, “e como só temos asignado un médico, agora estamos sen ningún profesional que atenda aos doentes”.

O alcalde, diante desta situación, púxose en contacto co responsable da area sanitaria da provincia, Ramón Ares, “quen nos comunicou claramente que non había médicos e que supliría esta vacante día a día, co fin de cubrir o servizo”. “Esta é a resposta do PP diante deste panorama, nin soluciona o problema nin aporta solucións. Esta é a súa política”, advertiu.

O rexedor criticou a situación de desatención e desamparo que sofren os seus veciños e veciñas. Nesa liña puxo como exemplo o que aconteceu onte mesmo (martes día 12), no centro de saúde “ao que acudiu unha veciña de idade de avanzada, acompañada da súa filla, que caeu e tivo que ser trasladada ao centro de saúde de Viveiro, do que hai que lembrar que tamén está saturado, tal como xa se leva denunciado insistentemente”, replicou.

“Por todo isto quero denunciar toda esta situación -dixo Pajón- é unha vergoña que coa xente maior que hai en Ourol, que máis do 50% son maiores de 65 anos, esteamos sen médico. Esta situación é incomprensible no ano 2022”. “Non entendemos tantos recortes nunha cuestión tan importante como é sanidade pública, un servicio esencial. Aquí isto esta fatal”, resumiu o rexedor.

0.18919014930725