O Centro de Maiores de Trabada celebrou o seu segundo aniversario

AMariñaXa
O Centro de Maiores de Trabada celebrou o segundo aniversario. Durante todo o día participaron en actividades e bailaron.
trabada aniversario residencia
26 Abr 2021

Os usuarios e traballadores do Centro de Atención a Maiores de Trabada celebraron este domingo o segundo aniversario da apertura desta residencia da Deputación de Lugo. Ao longo de toda a xornada desenvolvéronse diferentes actividades, pero unha delas foi moi especial: un brinde virtual ao que se uniron familiares e amigos que non se quixeron perder esta xornada festiva.

A mañá solleira permitiu que gran parte das actividades se realizaran no patio do centro, onde se instalaron carpas que permitiron a presenza da banda de música Sons e Soños. Mantendo as rigorosas medidas fronte á covid-19 de distanciamento social e protección individual, foi posible un concerto en directo que animou aos residentes a bailar e a aplaudir ao ritmo da música.

O brinde virtual tivo lugar ao mediodía e permitiu que as familias, as amizades, residentes doutras residencias provinciais e persoal do centro que non estaba de maneira presencial neste día, puideran compartir este momento en directo conectándose a través dos seus ordenadores e teléfonos móbiles.  Á súa vez, tamén penduraron das paredes da residencia cartas e debuxos que lles fixeron chegar os seus achegados para felicitalos por estes dous anos de convivencia.

No Centro de Atención a Maiores de Trabada serviuse neste día de celebración un menú especial e gozaron dunha tarde de xogos e obradoiros.

0.19737410545349