O Centro de Emprendemento de Cervo medra cun novo proxecto artesanal en Sargadelos

O Centro de Emprendemento do Concello de Cervo, situado no Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos, continúa ampliando a súa actividade coa chegada dunha nova iniciativa empresarial. Trátase de “A Comarca”, un proxecto artesanal que se instala no local número 3 e que contribúe a enriquecer a diversidade de propostas existentes neste enclave.
A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, desprazouse ata Sargadelos para facer entrega das chaves á nova arrendataria, Celia Prada, á que trasladou os seus parabéns e desexos de éxito nesta nova etapa. A rexedora destacou que este tipo de iniciativas “axudan a dinamizar o municipio e a poñer en valor o talento local”, subliñando a importancia de apoiar ás persoas emprendedoras.
“A Comarca” contará cun obradoiro propio no que centralizará a produción e cun espazo aberto ao público con tenda e zona de exposición. A súa actividade estará centrada na elaboración de velas de cera de soia, un material natural e respectuoso co medio ambiente. Cada peza complétase con recipientes elaborados artesanalmente con resina ecolóxica, o que garante produtos exclusivos.
A alcaldesa lembrou que o centro ofrece alugueiros simbólicos para favorecer o emprendemento e fixar poboación. Con esta incorporación, o espazo consolídase como un referente que combina tradición, innovación e creatividade.