O centro de día San Aníbal estrea novas instalacións cun parque adaptado para nenos con discapacidade

AMariñaXa
A Xunta destinou 30.000 euros a unhas obras de mellora que tamén incluíron a ampliación de espazos comúns e a creación dunha área de novas tecnoloxías
colexio-os-castro-centro-san-anibal-burela
4 Apr 2025

O centro de día de menores San Aníbal conta dende hoxe cunhas instalacións renovadas, grazas ás obras de mellora realizadas nas últimas semanas. O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, desprazouse esta mañá ata o centro para supervisar o resultado das actuacións acometidas, entre as que destaca a creación dun novo parque infantil adaptado ás necesidades de nenos e nenas con discapacidade.

O investimento total destinado ás melloras roza os 37.000 euros, dos cales 30.000 foron achegados pola Xunta de Galicia. Esta achega permitiu non só a instalación do parque exterior, que quedou oficialmente inaugurado durante a visita, senón tamén a ampliación de zonas comúns como o comedor, a sala de estar e a sala polivalente. Ademais, habilitouse unha nova área destinada ao uso de tecnoloxías dixitais.

Durante o percorrido polas novas instalacións, Jacobo Rey quixo destacar o importante traballo que desenvolve cada día a entidade Fillas do Divino Celo-Rogacionistas, encargada da xestión deste recurso asistencial. O director xeral subliñou o compromiso da Xunta co apoio a centros que, como este, contribúen ao benestar e á integración dos menores, especialmente daqueles que presentan diversidade funcional.

Estas obras supoñen un avance na calidade dos servizos prestados polo centro San Aníbal, ofrecendo un entorno máis accesible, moderno e funcional para os menores que fan uso das súas instalacións.

⚙ Configurar cookies
0.13237690925598