Anuncian melloras no centro de día A Concordia de Ribadeo na celebración do seu 20 aniversario
O Centro de Día A Concordia celebrou onte o seu vinte aniversario. O alcalde, Dani Vega, felicita á asociación polo seu labor filantrópico e ás traballadoras polo coidado e dedicación ás persoas.
O rexedor declarou que “desde o Concello queremos felicitar á asociación e ao Centro de Día A Concordia. Primeiro debemos felicitar á asociación A Concordia por esa filantropía, esa entrega deses terreos para que fose posible construír e así ter un Centro de Día. Tamén quero felicitar á dirección desta instalación e a todos os seus traballadores, porque sen lugar a dúbidas estades a facer un traballo moi importante, de entrega e un traballo do máis importante que hai, que é coidar á persoa, o valor da persoa e estar entregado permanentemente”.
Vega subliñou: “desde o Concello sentímonos orgullosos da celebración deste acto, porque é a demostración da entrega e do coidado ás persoas. Nos, como Concello, estamos a colaborar con vosoutros naquilo que precisades e naquelas propostas que nos trasladades. En primeiro lugar moitas accións que se están a facer coa Concellería de Benestar Social e que seguiremos a levar adiante nas vindeiras semanas e tamén coa Concellería de Deportes, cuxa mostra é esta actividade deportiva denominada Marcha Interxeneracional. Estamos satisfeitos porque nesta carreira hai máis de 50 inscritos e iso significa que empezamos forte. Moitos Concellos xa nos están chamando para preguntarnos como fixemos e explicámoslles que é un traballo conxunto co Centro de Día e así é posible”.
O alcalde dixo: “tamén quero felicitar á Xunta de Galicia porque está a colaborar con este Concello para que sexa posible mellorar o Centro de Día. Acabamos de investir 16.700 euros nas portas e no 2024 investiremos máis de 50.000 euros e iremos concretando en que. O edificio precisa deste investimento. Así o detectamos cando chegamos ao goberno e así o estamos a demostrar”.
Dani Vega aludiu aos orzamentos municipais de 2024: “cando dixemos hai poucos días que os orzamentos municipais son os máis altos da historia era verdade e que a partida máis importante e significativa ía para a Concellería de Benestar Social para temas sociais, ben sexa para colectivos e tamén en investimentos… outra demostración é o Centro de Día, xa que estamos a xestionar orzamento para que este inmoble mellore e conte cunhas boas instalacións”.
E engadiu: “imos seguir colaborando e traballando entre todos para mellorar o Centro de Día, para seguir innovando e creando moitas actividades e imos seguir honrando a estes colectivos, como é A Concordia, por esa entrega e por esa filantropía, que sen lugar a dúbidas mellora Ribadeo”.
A Xunta financiará novas obras de mellora
A Xunta de Galicia asinará un novo convenio co Concello de Ribadeo para continuar coas melloras do seu centro de día municipal, pertencente á rede pública autonómica e que está a celebrar os vinte anos de actividade. Con motivo deste aniversario, o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, estivo esta tarde cos profesionais e os usuarios deste servizo, así como cos seus familiares. Na visita tamén participou o alcalde do municipio, Daniel Veiga.
Perfecto Rodríguez puxo en valor os coidados especializados que se prestan nestas instalacións á vintena de maiores que acoden diariamente a elas, así como o bo facer de todo o seu persoal. Ademais, apuntou que o vindeiro ano realizaranse en colaboración co Concello novas obras de mellora, ás que se destinarán arredor de 50.000 euros.
Neste sentido, o xerente do Consorcio destacou a importancia da colaboración entre administracións para que as familias poidan ter á súa disposición uns equipamentos de calidade. Así, lembrou que recentemente se levou a cabo a mellora da carpintería exterior, coa substitución das porta de madeira de máis de sete metros de altura situadas na planta baixa deste edificio singular de titularidade municipal.
Para conmemorar o 20 aniversario deste centro de día proxectouse un vídeo sobre todos estes anos de funcionamento, realizáronse actividades de animación a cargo da asociación ‘As Vacas Fracas’, os asistentes desfrutaron dun pequeno ágape gastronómico e recitouse o poema ‘Fíos de luz de lúa’ de Luz Fandiño.