O Centro Comercial Histórico de Viveiro lanza unha aplicación de fidelización
O Centro Comercial Histórico de Viveiro vén de lanzar unha aplicación de fidelización para clientes que xa está dispoñible nas diferentes plataformas.
Con esta tecnoloxía os clientes poderán coñecer de primeira man as ofertas, as novidades nos comercios e tamén acumular un tanto por cento de saldo para descontar nas vindeiras compras.
Para celebrar este lanzamento a asociación sorteará 600 euros repartidos en vales de desconto de 20 euros, 60 entradas para os cines de Viveiro e 30 entradas para Nautilus Centro de Ocio. Para participar haberá que subir á app o tiquet de compra realizado no comercio local asociado.
Esta app de fidelización de clientes é unha iniciativa que conta cun apoio do goberno galego en máis de 6.000 euros a través do programa do fondo tecnolóxico, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea-Next GenerationEU.
O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, destacou na presentación da app, a aposta da Xunta de Galicia pola transformación dixital e sustentable do comercio de proximidade galego, así como o desenvolvemento de novos modelos de negocio e a formación, para impulsar así a competitividade dun sector clave para a economía e o emprego das vilas e cidades galegas.
Tamén destacou o papel que están a xogar as asociacións de comerciantes na dinamización do sector, salientando que a colaboración con estas entidades é fundamental na estratexia de impulso ao sector que desenvolve a Administración autonómica.