O Centro Comercial Histórico de Viveiro dinamiza os negocios da localidade
O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, visitou Viveiro onde mantivo un encontro coa directiva do Centro Comercial Histórico. Durante a xuntanza, Heredia destacou o importante papel que xoga o comercio na economía do municipio e subliñou a calidade e a diversidade do comercio de proximidade viveirense.
A colaboración coas asociacións de comerciantes na dinamización e impulso ao sector é un dos eixos da actuación da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, que nos últimos tres anos apoiou con máis de 120.000 euros o labor da entidade de Viveiro.
A Xunta vén de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) os apoios concedidos por preto de 2,5 millóns de euros a 91 asociacións de comerciantes para impulsar o labor que realizan na dinamización e impulso da competitividade do sector. Na Mariña, ademais do centro comercial aberto de Viveiro, que nesta última convocatoria obtivo apoios por máis de 40.000 euros, resultaron beneficiarios os centros comerciais abertos de Ribadeo e de Foz, ademais de A Mariña Federación.
O obxectivo destas convocatorias é impulsar o comercio de proximidade nas vilas e cidades galegas mediante iniciativas que permitan atraer clientela e mellorar os servizos que desde o comercio se ofrecen aos consumidores.