O Centro Cívico de Xove acolle o cuarto sorteo da campaña comercial da Mariña

O Centro Cívico de Xove converteuse esta fin de semana no escenario do cuarto sorteo da campaña “De compras polo comercio da Mariña Lucense”, unha iniciativa impulsada pola Federación de Comercio A Mariña (FCAM) para dinamizar as vendas e premiar a fidelidade da clientela da comarca.
Nesta nova quenda resultaron agraciadas tres persoas, que recibiron vales de compra de 250, 150 e 100 euros, respectivamente. Os premios foron entregados por un grupo de profesionais da comunicación que visitaron estes días Viveiro e Xove como convidados especiais da campaña.
Entre eles atopábanse Jose Ribagorda, xornalista e escritor cunha longa traxectoria como editor e presentador informativo en Telecinco e TVE e impulsor da plataforma gastronómica “De las cosas del comer”; Pepa Xastre, subdirectora de Las Tardes de RNE e cun amplo percorrido na radio española, desde Cadena SER ata Onda Cero; Sergio Martín, actualmente en Directo al Grano de TVE e Las Tardes de RNE, e exdirector da Canle 24 Horas e de programas como La Noche en 24 Horas ou Los Desayunos de TVE; e Darío Martínez, director desde hai 26 anos do espazo Luarca na Onda, de Onda Cero.
Tamén participaron no acto de entrega o alcalde de Xove, Demetrio Salgueiro, e a xerente do Centro Comercial Histórico de Viveiro, Isabel Méndez.
Os convidados aproveitaron a súa visita para coñecer diferentes espazos emblemáticos da Mariña da man da FCAM. Percorreron o casco histórico de Viveiro, achegáronse á praia de Area, subiron ao Miradoiro de Monte Faro e visitaron o Faro de Roncadoira, ademais de degustar algúns dos pratos máis representativos da gastronomía local, que valoraron de maneira moi positiva.