O Cenima de Foz acolle unha mostra homenaxe a Suso Fernández
O Centro de Interpretación da Mariña, Cenima de Foz, acolle unha mostra homenaxe a Suso Fernández ou Suso do Bahía, Fillo Predilecto do Concello de Foz, onde tamén foi Cronista oficial e destacado activista cultural, social e informativo.
A exposición, que se complementa cun catálogo que recolle integramente os contidos da mostra, foi un encargo do Concello de Foz, con motivo da despedida (por motivos de saúde) de Suso Fernández como Cronista oficial do Concello.
O Concello focego quixo que fose especial esta despedida do Cronista -e toma de posesión do novo, o historiador Xoan Ramón Fernández Pacios-, poñendo de relevo os especiais servizos que Suso Fernández ten prestado ao seu concello durante máis de sesenta anos: foi o primeiro divulgador da historia e turismo de Foz, creador de Asociacións e entidades de interese público, promotor do asociacionismo comercial e industrial e das Feiras do Libro de Foz, e especial animador de iniciativas culturais e sociais.
Esta mostra, titulada Sempre en Foz-Suso Fernández, está composta por un panel de presentación, nove paneis integrados en tres prismas triangulares, un panel con palabras para Suso de persoeiros amigos, e seis mensaxes especiais correspondentes a outras tantas visións sobre este singular persoeiro focego, que compoñen un retrato literario e gráfico da vida do chamado Suso de Foz.