O Cenima de Foz acolle a mostra 'Coidando o noso mar'
A exposición 'Coidando o noso mar', da man do CEIDA e da Uned Aula Universitaria de Foz xa está dispoñible no Cenima de Foz en horario de 9.00 a 14.00 horas ata o 30 de novembro.
"A fraxilidade característica dos ecosistemas costeiros, acentuada pola presión das actividades humanas, está a provocar a súa destrución. A franxa costeira está en perigo pola falta de planificación e mala xestión nas actuacións realizadas sobre ela durante as últimas décadas", así describen esta mostra os seus organizadores.
"O desenvolvemento turístico mal planificado, a erosión costeira, a presión urbanística, a contaminación mariña, a sobre pesca, a destrución do hábitat etc., son algúns dos males que afectan á costa tanto en Galicia como a nivel mundial. Da mesma maneira, hoxe seguimos pensando que o mar é unha fonte inesgotable de recursos, e que o mar é inmune ás nosas actividades e agresións. Os avances científicos e o estudo dos ecosistemas mariños demostran que estas perigosas percepcións son falsas, que os recursos mariños están nalgúns casos máis ao bordo do colapso do que se cría anteriormente e que a presión antrópica é a causa fundamental deste feito", engaden.