O CEIP San Miguel de Reinante acadou un premio no certame Cooperativismo no Ensino 2021

AMariñaXa
O 2º ciclo de educación infantil do CEIP San Miguel de Reinante de Barreiros acadou un premio no Certame Cooperativismo no Ensino 2021
BARREIROS PREMIO COOPERATIVISMO
19 Xuño 2021

O 2º ciclo de educación infantil do CEIP San Miguel de Reinante de Barreiros acadou o mellor traballo na modalidade de actividades artísticas dos premios do Certame Cooperativismo no Ensino 2021 celebrados no salón Teatro de Santiago de Compostela.

Así, recoñeceuse como mellor traballo o realizado polo colexio barreirense co título A que sabe o cooperativismo?.

No caso do alumnado de 1º e 2º de educación primaria, o galardón foi para o  CEIP de Laredo en Redondela (Pontevedra) por Laredópolis: a cidade dos nosos soños.  O de 3º e 4º cursos de primaria foille concedido ao proxecto Historia para con-vivir do alumnado do CEIP Plurilingüe de Domaio de Moaña (Pontevedra) e  ao estudantado de 5º e 6º do mesmo nivel educativo foilles entregado outro galardón por Os Limpacovids, ideado polos alumnos do CEIP Plurilingüe Isidro Parga Pondal de Oleiros (A Coruña).

O certame ten por finalidade difundir e promover o cooperativismo e os seus valores, como son a solidariedade, o espírito democrático, a participación, a actuación colectiva ou a solución pactada de conflitos entre o alumnado dos centros de educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria, educación especial, formación profesional e de ensinanzas de réxime especial.  

Un total de 59 centros participaron nesta convocatoria, repartida en tres modalidades: actividades artísticas (infantil e primaria),  actividades cooperativizadas (estudantes de ESO e educación especial)  e proxectos empresariais cooperativos (dirixida a centros de formación profesional e ensinanzas de réxime especial). 

No caso dos proxectos empresariais dos centros de formación profesional e ensinanzas de réxime especial a entrega dos seus galardóns realizarase o Día Internacional do Cooperativismo que cada ano se celebra o primeiro sábado do mes de xullo. 

0.21538996696472