O CEIP Plurilingüe Santa Rita de Galdo participará no proxecto Erasmus +
A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, e o primeiro tenente de alcaldesa, Jesús Fernández, recibiron ao alumnado e ao profesorado que estes días están en Viveiro, no marco do proxecto Erasmus +, no que participa o CEIP Plurilingüe Santa Rita de Galdo.
Este colexio intégrase nun proxecto común Erasmus +, xunto a outros 5 centros europeos de Bulgaria, Rumanía, Macedonia do Norte, Croacia e Grecia.
Así, Viveiro acolle a 19 nenos e nenas e 11 membros do profesorado, procedentes destes centros de intercambio. O grupo chegou onte á vila, onde permanecerán ata o próximo día 27.
A recepción ao grupo realizouse no salón de actos do Conservatorio Profesional de Música de Viveiro. No acto, os representantes municipais trasladaron a súa benvida a este grupo escolar e desexáronlles que gocen de Viveiro nestes días.
O Concello de Viveiro colabora ademais nesta actividade facilitando o autobús para realizar os desprazamentos necesarios do grupo durante a súa viaxe, na que realizarán actividades e visitas na zona.
Dende o goberno local destacan que este tipo de proxectos de intercambio permiten ao alumnado convivir e coñecer outras culturas.