O CEIP Plurilingüe Pedro Caselles Rollán de Xove celebra 50 anos de educación e historia

AMariñaXa
O centro prepara actividades especiais para conmemorar medio século desde a súa posta en marcha e solicita a colaboración da veciñanza para recoller fotografías e materiais históricos
ceip-pedro-caselles-rollan-Xove
24 Jan 2026

O CEIP Plurilingüe Pedro Caselles Rollán de Xove cumpre neste curso 2025-2026 cincuenta anos de existencia. O colexio iniciou a súa actividade no curso 1975-76, centralizando a maior parte das escolas unitarias repartidas polas parroquias do municipio, agás unha unidade das Gulpilleiras (na Rigueira) e outra de Lago, que se integraron máis adiante, na década dos oitenta. A creación do centro supuxo un cambio significativo non só na educación, senón tamén en moitos hábitos sociais da comunidade, especialmente entre o alumnado.

Para celebrar este medio século de historia, o colexio está a organizar unha serie de actividades que terán lugar no mes de maio. Para facelas realidade, solicítase a colaboración de toda a veciñanza, así como de persoas de Xove ou vinculadas ao municipio que teñan relación co centro. O obxectivo é recompilar fotografías das antigas escolas unitarias e de grupos de alumnos e alumnas, imaxes da construción do edificio, material escolar do curso inaugural 75-76 e libros de escolaridade de quen comezou ou rematou aquel primeiro curso. Tamén se recibirán fotografías e lembranzas relacionadas cos primeiros anos de vida do único centro de infantil e primaria do concello, un feito que merece unha celebración especial.

O equipo directivo agradece de antemán a cesión de calquera material gráfico e agradece tamén a implicación do Concello de Xove, co que xa se mantiveron reunións de coordinación e que se amosa totalmente comprometido coa conmemoración. Desde o propio Concello sinalan que colaborarán en todo o necesario para resaltar unha data tan significativa, valorando o papel fundamental do centro na educación e no desenvolvemento social do municipio, xunto co Colexio de Palmeiro, como referentes históricos da comunidade educativa local.

As persoas que dispoñan de fotografías ou outros materiais relacionados cos primeiros anos de funcionamento do CEIP Plurilingüe Pedro Caselles Rollán poden achegalos ao colexio, co fin de preservar e enriquecer a memoria histórica do centro. O Concello de Xove ponse á disposición da organización do aniversario para colaborar nas diferentes iniciativas e reafirma o seu compromiso coa educación e co recoñecemento da historia educativa local.

⚙ Configurar cookies
0.081516027450562