O CEIP Plurilingüe Nº 1 de Foz acollerá un curso sobre resolución de conflitos

A ANPA do CEIP Plurilingüe Nº 1 de Foz organiza un curso práctico centrado na resolución de conflitos, que terá lugar o venres 10 de outubro. A proposta, que conta coa colaboración de diferentes entidades e administracións, busca dotar ás familias e ao profesorado de ferramentas eficaces para afrontar situacións de desacordo no ámbito escolar e familiar.
O curso desenvolverase nas instalacións do propio colexio, entre as 16:00 e as 21:00 horas. Ao longo da tarde, as persoas participantes traballarán sobre dinámicas e recursos que permiten mellorar a comunicación, xestionar emocións e alcanzar acordos de maneira positiva.
Desde a organización destacan que se trata dunha oportunidade para adquirir habilidades prácticas que poden aplicarse tanto no día a día das aulas como na convivencia dentro do fogar. A inscrición debe realizarse a través do teléfono 679 284 178.
A iniciativa enmárcase no programa Corresponsables, impulsado pola Xunta de Galicia, o Goberno de España e entidades como Cruz Vermella e AFANOR, co obxectivo de fomentar a igualdade, o respecto mutuo e a prevención de situacións de conflito.