O CEIP Plurilingüe Gregorio Sanz conmemorará o Día de Rosalía coa receita do Caldo de Gloria
O CEIP Plurilingüe Gregorio Sanz quere conmemorar o Día de Rosalía lendo o poema Miña casiña, meu lar, e traballando a receita, que se converterá no primeiro prato do menú do comedor escolar o día da conmemoración da poeta.
O Caldo de Gloria é unha iniciativa inspirada no poema Miña casiña meu lar pertencente ao libro Follas Novas, no que a poeta explica como facer un caldo humilde e un bolo do pote, e no que relata a épica diaria da supervivencia.
Fai anos, a Fundación Rosalía animou a hostaleiros e colexios, a facer o “caldo de gloria” e a servilo enriba dun mantel individual de papel, preparado para a ocasión, co poema da poeta. Participaron moitos establecementos e colexios, principalmente da zona de Santiago de Compostela.
"Pareceunos unha boa idea, comentarlle ao Concello e a Acisa, esta iniciativa da Fundación, e ver a posibilidade de que a nosa vila, puidese organizar esta actividade desde o 23 de febreiro, Día de Rosalía, ata o 26 de febreiro como un atractivo turístico", dixeron dende o CEIP.
Varios foron os bares e restaurantes interesados nesta iniciativa: A Bugalla, Restaurante A Quinta, Restaurante Costa Verde, O Lar de Manolo, Bar Oviedo, Restaurante San Miguel e O Parador de Turismo de Ribadeo. Neles, elaborarán a modo de ración, tapa ou primeiro plato, dita receita, presentándoa enriba do mantel co poema.
Estes locais estarán identificados cun cartel da Fundación Rosalía. A Fundación dota de manteis individuais a todos os bares e restaurantes que se suman a esta iniciativa.