O CEIP Pedro Caselles Rollán de Xove gañou o concurso de carteis sobre reciclaxe de Sogama
No marco do Día Internacional da Reciclaxe, que se celebrou o 17 de maio, xunto co Día das Letras Galegas, Sogama fixo pública a relación de centros escolares adscritos ao programa Recíclate con Sogama 2022-2023, que resultaron premiados no concurso sobre carteis promocionais da reciclaxe.
Así, o 1º premio, dotado con 1.300 euros, recaeu no CEIP Plurilingüe Pedro Caselles Rollán de Xove, polo seu cartel Planeta só temos un, usa ou sentido común. No mesmo aseguran que a humanidade dispón de moi pouco tempo para cambiar moitas cousas, pero, ao seu xuízo, “Non necesitamos unhas poucas persoas que o fagan de forma perfecta, senón a miles de persoas facéndoo de forma imperfecta”, ao que engaden “Reciclar non é nada duro e aseguramos o futuro; por un mundo mellor, recicla, por favor”.
O 2º premio, con 1.000 euros, foise para Vigo, concretamente ao CEIP Pintor Laxeiro polo seu cartel Ecolaxeiro, que representa a figura dun paxaro confeccionado cun conxunto de plumas elaboradas polo alumnado con material reciclado. O mural simboliza a liberdade dun paxaro que habita nun mundo ideal no que os Ecolaxeiros aplican cada día o principio europeo das tres erres (reducir, reutilizar e reciclar), tanto na escola, como na súa casa e tempo de lecer, para conseguir entre todos “un planeta cheo de vida que permita voar moi alto”.
O 3º premio, con 700 euros, levoullo o Colexio Plurilingüe Divina Pastora-MM Franciscanas, de Ourense. Co lema Se un bo planeta queres ter, reciclar é ou que tes que facer, o seu traballo pretende transmitir que, dada a elevada xeración de lixo, a reciclaxe constitúe un hábito de primeira necesidade para poder gozar dunha contorna limpa e saudable.
Os importes económicos dos tres premios deben ser destinados polos centros a materiais e/o accións educativas.
O xurado, conformado por membros da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, e de Sogama, valoraron, entre outras cuestións, a calidade dos carteis presentados, a creatividade e a orixinalidade dos mesmos, a mensaxe ambiental transmitida co obxectivo de lograr un impacto positivo na concienciación social da poboación e a claridade da redacción do texto explicativo para facilitar a súa comprensión.