O CEIP Pedro Caselles percorre as festas tradicionais da Mariña no seu novo proxecto educativo

O CEIP Plurilingüe Pedro Caselles Rollán de Xove desenvolveu ao longo do curso 2024/25 un proxecto educativo centrado nas festas tradicionais da Mariña, baixo o título “De festa en festa porque me presta”. Cada curso escolleu unha celebración emblemática da zona, afondando nela mediante actividades educativas e creativas durante todo o ano escolar. Entre as festas destacadas figuran o Arde Lucus, o Mercado Medieval de Alfoz, a Maruxaina de San Cibrao ou o San Xoán.
Dentro deste marco, o Concello de Xove colaborou activamente coa aula de 4º de Educación Infantil, que traballou sobre a romaría do San Antonio Ventureiro da Rigueira, recoñecida como Festa de Interese Turístico de Galicia dende o ano 2023.
A titora do grupo solicitou ao departamento de Investigación Social do Concello documentación para enriquecer o traballo. Este respondeu facilitando a publicación A festa no aire. Tradición e lecer no Xove de antes (editada polo Concello e a Xunta no 2006), ademais de dípticos explicativos sobre o proceso de recuperación da romaría e das oito rutas de romaxe asociadas.
A investigación completouse cun valioso intercambio interxeracional: catro maiores da parroquia de A Rigueira, avós e avoas do alumnado, achegáronse á aula para compartir lembranzas e responder preguntas sobre a tradición do San Antonio.
Como colofón, o alumnado de Infantil puido gozar da proxección do conto A historia da miñoca Icía e Roi, o caracol, creado pola socióloga municipal para explicar, dun xeito adaptado á súa idade, a importancia social da romaría. Antes da sesión, entregóuselles a cada neno e nena un pano representativo do San Antonio da Rigueira, como símbolo de pertenza e tradición.