O CEIP de Cervo xa conta carteis con pictogramas e en sistema braille
O Concello de Cervo vén de adquirir carteis con pictogramas e en sistema braille que identifican os diferentes espazos do CEIP de Cervo.
O rexedor, Alfonso Villares, e a edil de Educación, Dolores García Caramés, estiveron no centro vendo in situ os paneis que xa están instalados e que contribúen a facer o centro máis inclusivo se cabe.
Villares quixo destacar que se trata dunha iniciativa marabillosa e que nos fai especial ilusión “porque cumprimos o desexo de Lucía Manchado, alumna do centro, que nos enviou unha carta na que nos pedía expresamente colaboración para que todos os nenos e nenas saiban onde están as aulas, a biblio, os baños, o comedor…”.
"Moitas grazas Lucía pola túa sensibilidade, e encantados de poder contribuír a mellorar o voso xa extraordinario cole!", rematou dicindo o alcalde.