O CEIP de Cervo transforma o deporte en solidariedade cunha carreira escolar pola Comunidade Valenciana

AMariñaXa
Todo o alumnado, desde infantil ata 6º de primaria, participou nunha xornada solidaria organizada en colaboración co Concello e enmarcada na iniciativa estatal de Save the Children
Cervo-CEIP-carreira-solidaria-2025
27 May 2025

As pistas de atletismo do complexo deportivo da Veiga convertéronse este venres nun escenario de solidariedade, ilusión e esforzo compartido. O motivo foi a celebración dunha carreira solidaria organizada polo CEIP de Cervo, coa colaboración do Concello de Cervo, na que participou a totalidade do alumnado, desde educación infantil ata 6º de primaria.

A actividade forma parte da XXI edición da Carreira Escolar Solidaria, promovida pola ONG Save the Children, que nesta ocasión destina os fondos recadados a persoas afectadas pola DANA que causou importantes danos na Comunidade Valenciana.

Durante a xornada, as nenas e nenos estiveron acompañados pola alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, quen quixo sumarse persoalmente a esta actividade tan especial, amosando o seu apoio á causa e ao traballo realizado polo centro. “É unha iniciativa marabillosa que combina valores como o deporte, a empatía e o compromiso social”, destacou.

A carreira serviu ademais como peche do proxecto “Cada Gota Conta”, no que o CEIP de Cervo leva traballando durante o curso xunto con outros catro colexios doutros puntos de España. Trátase dun programa educativo que promove accións de concienciación sobre a auga, a sostibilidade e a cooperación.

Cada participante contou co apoio de patrocinadores particulares —familiares, amizades ou persoas achegadas— que fixeron unha contribución económica simbólica por cada volta completada, entregando a cantidade correspondente nun sobre pechado. Deste xeito, a motivación foi dobre: superar os propios límites e colaborar cunha causa solidaria.

Desde a comunidade educativa do CEIP de Cervo agradeceron “enormemente o apoio do Concello de Cervo, tanto pola cesión das instalacións deportivas como polo transporte do alumnado ata a Veiga”, así como o entusiasmo das persoas patrocinadoras, cuxa xenerosidade “fixo posible que esta xornada fose moito máis ca unha carreira”.

A actividade foi valorada como un éxito tanto en participación como en implicación, deixando unha mensaxe clara: as pequenas accións, feitas en grupo, poden ter un gran impacto.

⚙ Configurar cookies
0.19032001495361