O CEIP de Cervo promove a educación sostible a través do proxecto 'Cada pinga conta'

AMariñaXa
Docentes de cinco comunidades autónomas participan nun intercambio educativo centrado na concienciación sobre o uso responsable da auga
Cervo-cada-pinga-conta,-CEIP
26 Mar 2025

O CEIP de Cervo acolle esta semana a visita de once docentes procedentes de Asturias, Alacante, Cartaxena e Gran Canaria no marco do proxecto colaborativo 'Cada pinga conta - Cada gota cuenta'. Esta iniciativa, impulsada polo Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes dentro do programa de Agrupación de Centros Educativos, busca sensibilizar ao alumnado sobre a importancia do coidado da auga e do medio ambiente.

A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, participou esta mañá no acto de benvida aos profesores visitantes, destacando o compromiso do CEIP de Cervo coa sostibilidade e a educación ambiental. “Nun momento no que o coidado do planeta é máis urxente que nunca, proxectos coma este resultan fundamentais para inculcar valores medioambientais desde a infancia”, afirmou. Ademais, puxo en valor o intercambio cultural e educativo que fomenta esta experiencia, xa que permite compartir metodoloxías innovadoras entre centros de distintas comunidades autónomas.

Durante tres días, os docentes coñecerán o funcionamento do centro e participarán en diversas actividades, como obradoiros de aprendizaxe creativa, roteiros didácticos polo entorno, dramatizacións teatrais e emisións en Onda Puca Radio, a emisora escolar. Ademais, o venres clausurarase a visita cunha actividade especial do programa “Galicia, sabe amar”, na que o alumnado poderá descubrir os produtos do mar a través dunha charla divulgativa e unha degustación.

O proxecto “Cada pinga conta” terá continuidade ata o verán de 2026, cando o alumnado de sexto de primaria dos cinco centros participantes se reunirá nunha viaxe de convivencia nos Pirineos. A iniciativa aposta pola educación STEAM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría, Artes e Matemáticas) e o uso de metodoloxías activas que fomenten a equidade e a inclusión, en liña cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030.

Desde o Concello de Cervo destacaron a importancia de apoiar este tipo de proxectos que fomentan unha educación máis aberta, participativa e comprometida cos desafíos ambientais do século XXI. “Estamos encantados de recibir aos docentes que nos visitan e agardamos que esta experiencia sexa enriquecedora tanto a nivel educativo como persoal”, concluíu a rexedora.

⚙ Configurar cookies
0.043316841125488