O CEIP de Cervo participa nun encontro estatal para fomentar a educación sostible e a concienciación sobre a auga

AMariñaXa
Docentes do centro cervense viaxaron a Alacante para compartir experiencias no marco do proxecto "Cada gota conta", impulsado polo Ministerio de Educación
Profesorado-de-Cervo-con-docentes-de-otros-centros-Alicante
22 May 2025

O CEIP de Cervo foi un dos cinco centros educativos seleccionados a nivel estatal para participar no encontro profesional celebrado no CEP Pintor Sorolla de Alacante, unha cita que reuniu durante tres días a docentes de diversas comunidades autónomas arredor dun obxectivo común: educar para a sustentabilidade e promover o aforro da auga como recurso escaso e vital.

Este evento, que se enmarca no programa “Agrupacións de Centros Escolares” do Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes, forma parte do proxecto “Cada gota conta”, unha iniciativa que busca impulsar metodoloxías activas e inclusivas para integrar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) nas aulas. Ademais do CEIP de Cervo, participaron centros de Asturias (CRA Lena), Gran Canaria (CEIP Tagoror) e Murcia (CEP Antonio Ulloa).

Durante a súa estancia en Alacante, o profesorado cervense tivo a oportunidade de intercambiar boas prácticas, presentar actividades desenvolvidas nas súas aulas e participar en obradoiros formativos centrados na educación ambiental, o pensamento STEAM, a robótica e o pensamento computacional.

“Foi unha experiencia moi enriquecedora tanto a nivel profesional como humano”, sinalan desde o equipo docente de Cervo. “Aínda que procedemos de contextos moi distintos, compartimos o mesmo compromiso: formar alumnado consciente, responsable e capaz de coidar o planeta”.

O proxecto, que se desenvolverá ao longo de dous anos, culminará cunha mobilidade do alumnado aos Pireneos no ano 2026. Ata entón, os centros continuarán traballando conxuntamente en propostas educativas que combinen aprendizaxe-servizo, coidado do medio e participación activa do alumnado.

A participación do CEIP de Cervo nesta rede estatal de innovación educativa supón un recoñecemento ao seu labor constante en prol dunha educación transformadora, inclusiva e comprometida coa realidade social e ambiental.

⚙ Configurar cookies
0.17087006568909