O CEIP Celso Currás de Trabada non ten habilitada a aula de Educación Infantil
O Concello de Trabada informa que según o trasladado nos consellos escolares o CEIP Plurilingüe Celso Currás non ten habilitada a aula de educación Infantil, tal e como manifestou onte a alcaldesa, Mayra García Bermúdez.
En resposta a un comunicado feito público hoxe pola Consellería de Educación da Xunta de Galicia, a concelleira de Educación, Igualdade e Desenvolvemento Local do Concello de Trabada, Julia María Barcia, que é representante do concello no Consello Escolar do centro, asegura que “en diferentes reunións do Consello Escolar de este curso 2021-2022 se nos comunicou que a pesares de estar matriculados nove nenos en educación Infantil, non se habilitara a aula que quedara suprimida”.
Con respecto ás rutas do transporte escolar, houbo tamén queixas ao Valedor do Pobo respecto a outra parada dunha ruta escolar ao centro de ensino situado no Concello de Trabada.
A outra queixa dirixida á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da que se fai mención no comunicado da Xunta foi “pola supresión dunha parada, onde recollían alumnos dende hai anos e onde existe unha marquesiña, e a principios de este curso comunicouselle á familia que tiñan que utilizar outra parada onde non existe refuxio para resguardarse nos días de meteoroloxía adversa; ademáis de que suprimiron en setembro a parada do alumno que en xuño tiña pleno dereito a ela, xa que era o único alumno na parroquia cursando estudos obrigatorios nun IES público”, afirma.
“Fan que alumnos que viven no rural teñan dificultades para seguir ampliando os seus estudos, tendo en conta que a educación é un piar fundamental para os nenos e nenas, que son o noso futuro”, engade.
“Temos que darlle aos nosos veciños uns servizos públicos de calidade, é a única maneira de apostar de verdade polo rural”, remata Barcia, que reclama á Xunta “máis servizos e menos declaracións que non se axustan á realidade”.