O Castro de Fazouro será obxecto de novas actuacións para garantir a súa conservación e posta en valor

O alcalde de Foz, Fran Cajoto, expresou o seu agradecemento ao xefe de servizo de Arqueoloxía, Roberto Pena, polas actuacións previstas para mellorar a seguridade e a conservación do Castro de Fazouro, declarado Ben de Interese Cultural (BIC) no ano 2017. O rexedor destacou que se trata dun xacemento singular, “o único poboado costeiro escavado e posto en valor da costa cantábrica galega, un símbolo do noso pasado e do noso patrimonio”.
As intervencións, que serán obxecto de contratación nos vindeiros días, inclúen a instalación dun valo con pivotes e corda para limitar o acceso á zona norte, a recolocación de pedras caídas e retacados, así como a limpeza das estruturas e a elaboración dunha diagnose do estado actual do xacemento. Ademais, levarase a cabo un novo estudo arqueolóxico e unha acción divulgativa para dar a coñecer tanto as actuacións realizadas como a relevancia histórica do enclave.
Cajoto sinalou que esta actuación resulta “urxente e necesaria, especialmente tras o derrube parcial do muro situado sobre os cantís”. Tamén lembrou que “hai poucos días o Ministerio para a Transición Ecolóxica publicou no BOE o proxecto de retranqueo do paseo de Arealonga, unha obra de máis de 300.000 euros que permitirá conectar o Castro de Fazouro coa parroquia de Nois mediante un paseo humanizado e renovado”.
Segundo o alcalde, “ambas intervencións son complementarias e contribuirán a poñer en valor un espazo de enorme valor patrimonial e paisaxístico, reforzando a identidade histórica e cultural da parroquia de Fazouro e de todo o municipio de Foz”.