O Castelo de If

AMariñaXa
Un recuncho de reflexións sobre o infinito universo da cultura
REBECA-colaboracion-Foto-Artigo-maio'25
10 May 2025

Por Rebeca Maseda

Durante a Semana Santa estiven visitando a Costa Azul e tiven a oportunidade de coñecer Marsella, unha cidade vibrante e cosmopolita na que, ao momento, podes percibir a actividade frenética do Vieux-Port coas xentes vendendo todo tipo de produtos. Paseando polas rúas -sen mirar o reloxo e sen Google Maps- chegei ata a Plage des Catalans, desde onde se pode divisar a Illa de If co seu Château, todo un mito literario.

O Castelo de If comezou a edificarse en 1529 por orde de Francisco I como a primeira fortaleza real de Marsella. Foi concibido para protexer un dos principais portos comerciais de Francia, onde fondeaba a flota de galeras reais, e tamén, para vixiar a cidade, anexionada ao estado francés en 1480. En 1591, a cidade, claramente partidaria da Liga Católica, negouse a recoñecer ao rei Enrique IV de Francia polas súas raíces protestantes e deu acubillo ás tropas inimigas do Duque de Savoia. O alguacil de If, fiel ao Rei, fixo construír unha muralla coa axuda das tropas florentinas para protexer ao reino dun ataque. O enxeñeiro militar de Enrique IV, Raymond de Bonnefons, eleva a altura da muralla en 1604 e Vauban volve ampliala en 1701.

En 1513 fai escala na illa un regalo ofrecido polo rei de Portugal ao papa León X: nada máis e nada menos que un rinoceronte, un animal xamais visto antes en Europa. Posteriormente, en 1844, Alexandre Dumas publica “O Conde de Montecristo”, cuxo protagonista, Edmond Dantès, foi encarcerado no Castelo de If. A novela convértese moi axiña nun éxito total e en 1880 o monumento ábrese ao público.

O seu emprazamento insular e a arquitectura do castelo imposibilitaban calquera intento de evasión e o gran número de prisioneiros e a falta de hixiene dificultaban a supervivencia. Con todo, a cambio dun dobrón ao día, algúns prisioneiros lograron ocupar estancias especiais. Un claro exemplo foi Mirabeau, futuro tribuno da Revolución, encarcerado en If en cumprimento dunha Orde Real –“lettre de cachet”- solicitada polo seu propio pai para castigar a súa tendencia á libertinaxe, en fin, as “cousas de familia” son complexas... Aquí foi onde redactou o seu ensaio sobre o despotismo, ademais de seducir á cantineira da prisión. Como vedes, sempre hai tempo a todo... O sistema do dobrón continuou utilizándose ata o século XIX.

Un dos primeiros prisioneiros foi o cabaleiro Anselmo, acusado de complot contra a monarquía en 1580. Despois de que se promulgase o Edicto de Fontainebleau en 1685, os protestantes comezaron a ser encarcerados. De feito, durante dous séculos, uns 3.500 protestantes viviron apertados ao límite na fortaleza antes de ser trasladados ás cárceres de Marsella ou de falecer.
Tamén se encerraba en If aos opositores do réxime. Os revolucionarios de 1848 deixaron gravados no patio que os delataron como artesáns canteiros seguindo as ordes da guarnición. En 1852 estiveron encarcerados no Castelo 304 republicanos contrarios a Napoleón III antes do seu traslado a un campo de traballos forzados. Uns anos despois foi a quenda dos insurxentes de Marsella e os últimos prisioneiros serían os alemáns capturados durante a Primeira Guerra Mundial.

A brisa do mar emerxe do porto de Marsella, agancha polos seus barrios empolicados sobre os outeiros e expándese por prazas e balcóns, colmando a cidade dun aroma inconfundible: o aire do Mediterráneo. A este primeiro perfume súmaselle unha segunda fragrancia, máis sutil pero ineludible, que Marsella ostenta xunto ao orgullo de ser a capital da Provenza francesa: o cheiro a lavanda. Máis aló do olfacto, a cidade esperta, a cada paso, os sentidos restantes. Coa súa exquisita gastronomía, o bulicio do centro histórico, a suavidade da area branca de Les Calanques ou a luz que namorou a pintores como Cézzane, Turner ou Signac e que alumou á filósofa Simone Weil nunha das etapas máis frutíferas da súa escritura.

⚙ Configurar cookies
0.1343469619751