O Castelo de Castrodouro acolle unha mostra sobre o mariscal Pardo de Cela
A exposición Os nosos castelos: Castro de Ouro e o Mariscal Pardo de Cela poderá visitarse ata o vindeiro 22 de decembro e pretende dar difusión tanto ao monumento como á figura e familia de Pardo de Cela.
O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou en Alfoz na inauguración da mostra Os nosos castelos: Castro de Ouro e o Mariscal Pardo de Cela. Na cita, que tivo lugar precisamente no castelo do concello mariñán, Rivera Capón puxo en valor a cultura e o patrimonio como elementos dinamizadores da economía da provincia.
A Deputación achega 42.000€ este ano a través do Plan Único de Cooperación cos Concellos para financiar diferentes actuacións no Castelo de Castro de Ouro. “Temos un claro compromiso coa defensa e coa promoción do noso rico patrimonio, desa herdanza milenaria que pasa da cultura castrexa ós restos romanos, do románico e o Camiño de Santiago ó noso barroco ou a arquitectura de indianos no século XIX”, sinalou o Deputado, para quen “coidar do patrimonio é unha obriga, pero tamén unha ferramenta para desenvolver políticas transversais de cultura e turismo que abran novas posibilidades ao noso rural”.
Agradeceu nese sentido o traballo do Alcalde, Jorge Val, e do seu equipo de goberno por poñer en valor e conservar o castelo, sinalando que este tipo de recursos turísticos “conservados e postos en valor, poden ser un importante elemento para dinamizar a economía local”.
Tamén agradeceu aos organizadores da mostra, o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, o “seu traballo para divulgar e poñer en valor todo o noso patrimonio material e inmaterial con propostas coma esta”.
No acto que tivo lugar esta tarde, o Deputado estivo acompañado do Alcalde de Alfoz, Jorge Val Díaz, e o director do Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento, Pablo Otero Piñeyro Maseda, entre outras autoridades. Xuntos participaron tamén na entrega de premios dun concurso de debuxo sobre o Castelo de Castro de Ouro no que participaron escolares e que formaba parte desta iniciativa.
Os nosos castelos: Castro de Ouro e o Mariscal Pardo de Cela poderá visitarse ata o vindeiro 22 de decembro. Unha iniciativa que pretende un dobre obxectivo: por unha parte dar difusión ao patrimonio histórico e monumental do Castelo de Castro de Ouro no seu lugar de asentamento e afondar na figura e familia do mariscal Pardo de Cela. Tamén se organizarán obradoiros de heráldica, impartidos nos centros escolares, para que o alumnado poida deseñar o seu propio escudo familiar.