O Castelo de Castrodouro acolle a exposición itinerante 'Á violencia de xénero dille... Non!'

AMariñaXa
O evento pretende ser un punto de encontro para reflexionar sobre a importancia de erradicar esta lacra
Alfoz-exposicion-itinerante-violencia-de-xenero-non
22 Jan 2025

O Castelo de Castrodouro converterase no escenario da exposición itinerante 'Á violencia de xénero dille... Non!', unha actividade organizada pola Consellería de Política Social e Igualdade a través da Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero. Esta iniciativa está enmarcada no programa contra a Violencia de Xénero do Concello de Alfoz, que busca sensibilizar á poboación sobre esta problemática social.

O evento pretende ser un punto de encontro para reflexionar sobre a importancia de erradicar esta lacra.

A mostra permanecerá aberta ata o 14 de febreiro no horario de visitas do Castelo, así, poderase acceder de xoves a sábado, en horario de 15 a 18.30 horas e os domingos de 10.30 a 14 e de 15 a 18.30 horas.

Desde o Concello de Alfoz anímase a toda a veciñanza a asistir á presentación e a visitar a exposición, xa que “este é un tema que debemos traballar durante todo o ano. É importante reflexionar sobre esta realidade despois do lamentable suceso acontecido na nosa comarca o pasado mes. A implicación de todos e todas é fundamental para construír unha sociedade máis igualitaria e libre de violencia” apuntan dende a Concellería de Igualdade.

Con esta iniciativa, o Concello de Alfoz reafirma o seu compromiso coa loita contra a violencia de xénero e co apoio ás vítimas, convidando a participar activamente neste tipo de accións de sensibilización.

0.17372298240662