O carril bici entre Os Bloques e Illa Pancha están na recta final
As obras do carril bici están na recta final polo que estes días hai despregada moita maquinaria na estrada do Faro e en camiños municipais de Vilaselán.
Con este proxecto de arranxo do firme da estrada que vai ao Faro farán un circuíto de carril bici para o uso e desfrute da cidadanía en todos os segmentos de idade.Esta nova ruta vai partir desde a Praia dos Bloques, discorrendo polo Paseo Marítimo, por Porcillán, subirá até enlazar coa estrada ao Faro e completarase esta ruta circular polos camiños de Campoxurado, en Vilaselán, até o encontro coa estrada provincial.
Segundo se recolle na memoria inicial, entre o Faro de Illa Pancha e o Forte de San Damián, habilitarase un carril-bici bidireccional de 2.50 metros de ancho mentres que no resto do traxecto se optará por harmonizar o paso de vehículos e bicicletas nunha vía de sección única de prioridade ciclista e limitada a 30 quilómetros por hora. O traxecto tamén será transitable a pé, por beirarrúas e pasos peonís.
No resto do traxecto, realizarase un aglomerado ata o encontro coa Avenida Calvo Sotelo coa creación dunha senda peonil, e habilitarase como bicirrúa ata a praia dos Bloques, ao longo do cal as bicicletas circularán xunto cos vehículos, pero con preferencia.
O proxecto mellorará as condicións de uso e seguridade dun espazo xa empregado pola veciñanza e en especial pola mocidade de Ribadeo para o paseo a pé e outras actividades físicas. Ademais, facilitará o uso da bicicleta para os desprazamentos entre as vivendas e o centro da vila, contribuíndo a unha mobilidade máis sostible desde o punto de vista ambiental e económico.