O Canteiro, en Benquerencia, acollerá unha conferencia homenaxe á científica barreirense Aurora Sampedro Piñeiro
O Canteiro, en Benquerencia, acollerá o vindeiro sábado, día 28, unha conferencia homenaxe á científica e investigadora barreirense Aurora Sampedro Piñeiro, que será impartida por Manuel Rivero.
Aurora Sampedro naceu en 1913 e faleceu en 1996. Foi Licenciada en Ciencias Químicas, doutora na mesma disciplina e Académica de Ciencias Experimentais. Manuel Rivero defínea coma unha estudante exemplar e unha adiantada ao seu tempo: “desprazouse a Madrid no ano 1930, viviu na residencia de estudantes, alí completou os dous anos do bacharelato universitario, rama de ciencias, para poder matricularse en químicas, carreira que cursou na Universidade Complutense desde 1932 ata 1935. Durante o tempo que durou a Guerra Civil, (1936-1939), tivo que interromper os estudos. Finalizou a carreira na Universidade de Oviedo en xullo de 1941, coa cualificación de sobresaliente. Os estudos de doutorado, tamén os realizou na Universidade Complutense, onde conseguiu o título de Doutora en Ciencias (Sección de Químicas) en 1948. Aurora Sampedro foi bolseira da Fundación March no ano 1961. Investigou en catro centros tecnolóxicos, desde o inicio da súa tese de doutoramento ata a xubilación: Laboratorio Central Renfe e os tres vinculados ao CSIC”.
Manuel Rivero decidiu aproximarse á figura de Aurora Sampedro Piñeiro porque “o pai de Aurora e aboa da miña muller eran irmáns e na casa familiar sempre se tivo gran estima a Aurora, pola súa mente brillante, o seu esforzo e a súa capacidade de traballo”. Era unha muller discreta “apenas comentaba os seus logros académicos, investigadores ou profesionais”.
A conferencia sobre Aurora Sampedro Piñeiro será pronunciada no Canteiro: “na escola onde dona Juanita, a súa mestra, descubriu o seu talento, e preocupouse por preparala para que superara os exames do bacharelato elemental por libre no Instituto de Lugo”. A charla dará comezo ás 17:00 horas. E despois ás 18.15 terá lugar unha ofrenda floral no cemiterio parroquial de Benquerencia.