O Canteiro acolle unha multitudinaria entrega dos Bíteres de Honra Aurora Sampedro 2025

Numerosas persoas achegáronse na tarde do pasado domingo ao Canteiro, en San Pedro de Benquerencia, para participar na segunda edición da entrega dos Bíteres de Honra Aurora Sampedro, correspondente ao ano 2025. O evento, que espertou un notable interese entre a veciñanza, estivo organizado polo Centro de Instrucción e Recreo de Benquerencia e contou coa colaboración da Xunta de Galicia.
O acto abriu cunha parte de carácter cultural, marcada pola presentación do libro Premios Bítere de Honra 2024, obra de Manuel Rivero Pérez. Esta publicación recolle o espírito e o significado dunhas distincións que nacen coa vontade de recoñecer traxectorias destacadas e manter viva a memoria de figuras relevantes para a comunidade.
Tras a presentación do libro, procedeuse á entrega dos Bíteres de Honra Aurora Sampedro 2025. Nesta edición, os galardóns recaeron en Xesús Mato, a título póstumo; na entidade Galicia Digital, recoñecida polo seu labor como institución; e en Yolanda Martínez Bajo, directora de Talento e Cultura do BBVA, polo seu compromiso e contribución no seu ámbito profesional.
A elevada asistencia confirmou a consolidación destes premios, que celebraron a súa segunda edición cunha ampla resposta social. Dende a organización destacaron o carácter emotivo do encontro, subliñando que se trata “dun acto para seguir rendendo homenaxe a Aurora Sampedro Piñeiro, a nosa destacada científica e investigadora”. Así mesmo, agradeceron o apoio e o acompañamento de todas as persoas que participaron na xornada.