O Cantal de Rinlo renderá homenaxe ás mulleres do mar
A asociación O Cantal de Rinlo coa colaboración dos percebeiros e percebeiras deseñou un programa de actos para render homenaxe ás mulleres do mar que será o 31 de xullo.
“Esta homenaxe divídese en varia fases. A primeira foi a gravación do documental, para reproducir nun gran acto, co que se pretende explicar todo o labor destas mulleres, que traballaron incansablemente, que defenderon un sector e que, sen lugar a dúbidas, o seguen representando”, dixo o voceiro municipal do PP en Ribadeo Daniel Vega.
O programa de actos conta cunha exposición, titulada Xanelas ao mar, que está dividida en dúas partes: unha que percorre todos os bares, restaurantes e hoteis da vila mariñeira de Rinlo; por outra parte, está a mostra que está nestes momentos se pode ver nas rúas de Rinlo, na que se reproduce toda a presencia do sector en cada punto estratéxico desta vila.
Rematarase esta exposición fotográfica cun gran acto, no que se vai reproducir o vídeo e no que haberá un concerto a cargo de A Roda, que interpretará música mariñeira.
Un dos aspectos relevantes do programa de actos será a creación dun mural. Vega sinala: “Quixemos contar coa presencia do muralista, do pintor Joseba Muruzábal, que é o pintor das superaboas galegas. É un orgullo contar con este artista de raíces ribadenses, que fará un mural nos edificios do porto de Rinlo, que será unha foto fixa en recoñecemento ás mulleres do mar”. En síntese, segundo indica Vega, “será un acto moi importante, entrañable e de agradecemento a todas as mulleres que defenderon e defenden un sector, o pesqueiro, que é tan importante para Rinlo”.