O campamento urbano de verán de Viveiro facilita a conciliación familiar e laboral
A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, visitou o Campamento Urbano de Verán, un servizo que iniciou a súa prestación o pasado luns 4 de xullo e que se prolongará ata o 26 de agosto de 2022.
Neste campamento ofértanse un total de 100 prazas en cada unha das catro quincenas ofertadas, o que supuxo un incremento con respecto ás prazas do pasado ano. Ademais, nesta edición ofrécese a posibilidade de participar os dous meses de duración.
A actividade destínase a nenos e nenas nados entre os anos 2010 e 2018, ambos incluídos, e realízase no pavillón do CEP Lois Tobío, ofrecedo unha ampla oferta de actividades adaptadas ás distintas idades dos participantes.
Nestes meses de actividades, a rapazada gozará das actividades de carácter lúdico programadas, como manualidades, obradoiros, xogos cooperativos ou actividades deportivas, entre outras.
“Con este campamento buscamos favorecer a conciliación familiar. Deste modo, os cativos e cativas gozan dunha alternativa de ocio saudable e á vez que pedagóxica, na que se fomentan o xogo, o deporte e a expresión artística, ademais de valores como a convivencia ou o respecto entre iguais”, explica a alcaldesa, María Loureiro.