O Campamento Dixital de Burela pecha cunha alta participación e novos retos tecnolóxicos para a mocidade

AMariñaXa
A iniciativa formou a rapaces e rapazas de 9 a 17 anos en competencias dixitais, ciberseguridade e uso responsable da tecnoloxía
Burela-campamento-dixital-veran-2025-
12 Aug 2025

O Concello de Burela, en colaboración coa Fundación Cibervoluntarios, clausurou este venres na Aula Cemit do Centro de Formación Ocupacional unha nova edición do Campamento Dixital, celebrada entre o 4 e o 8 de agosto, que contou cunha ampla participación de mozos e mozas de entre 9 e 17 anos.

Durante cinco intensos días, a mocidade asistente explorou o mundo da tecnoloxía desde diferentes ángulos. A formación combinou obradoiros prácticos, xogos, retos e dinámicas creativas adaptadas a cada idade, co obxectivo de mellorar as competencias en ciberseguridade e o uso responsable das ferramentas dixitais. As actividades abrangueron desde a creación de vídeos e aplicacións ata a prevención do ciberacoso, o pensamento crítico fronte ás noticias falsas e o uso ético da intelixencia artificial.

O programa, totalmente gratuíto para as familias, enmárcase na iniciativa Competencias Dixitais para a Infancia (CODI), impulsada polo Ministerio de Xuventude e Infancia e financiada pola Unión Europea a través dos fondos Next Generation EU. Ao remate, as persoas participantes recibiron o certificado oficial DigComp, que acredita as habilidades dixitais adquiridas.

O tenente da alcaldesa, Mario Pillado, destacou “a implicación e o entusiasmo dos nenos e nenas que participaron, así como a confianza das familias nesta proposta”. Engadiu que “o Campamento Dixital é unha oportunidade única para que a nosa mocidade aprenda, se divirta e desenvolva habilidades esenciais para o seu futuro, sempre dun xeito seguro e responsable”.

Desde o Concello agradecen a colaboración da Fundación Cibervoluntarios e o traballo do equipo educativo, resaltando “a importancia de ofrecer actividades que fomenten a educación dixital e a igualdade de oportunidades no acceso ao coñecemento”.

⚙ Configurar cookies
0.14912009239197