O campamento Diocesano de Mondoñedo-Ferrol celebrarase “doutra maneira”
A coordenadora do Colectivo Campamento Diocesano (CCD) de Mondoñedo-Ferrol decidiu “por unanimidade”, tras unha reunión telemática mantida nos últimos días, que finalmente non se levarán a cabo as actividades presenciais previstas para a segunda quincena do mes de xullo por mor da crise sociosanitaria provocada pola incidencia do virus COVID-19.
Segundo o coordinador do colectivo, Baruk Domínguez, trátase dunha decisión “moi dura”, que foi tomada co único obxecto de salvagardar a saúde dos acampados, monitores e outros voluntarios que participan no campamento.
Tamén se tivo en conta que as instalacións usadas nos últimos anos para celebrar as principais actividades do CCD son diferentes espazos do Seminario de Santa Catalina, en Mondoñedo, residencia de moitos sacerdotes de avanzada idade que poderían verse perxudicados pola presenza dun número elevado de persoas no edificio, especialmente no caso plausible de que houbese algún tipo de contaxio.
O consiliario do colectivo e delegado de Pastoral Xuvenil da diocese mindoniense, Antonio Valín, mantivo estas semanas varias xuntanzas telemáticas con responsables e expertos na materia das outras dioceses que conforman a Provincia Eclesiástica de Santiago de Compostela e tamén da propia Conferencia Episcopal Española, cos que dialogou sobre a pertinencia de continuar ou non con este tipo de actividades.
Un campamento que se celebrará “doutra maneira”
En lugar de “suspender”, o coordinador do CCD quixo avanzar que durante as datas propias do campamento, entre os días 17 e 26 de xullo, se farán algunhas “actividades alternativas de xeito telemático”, das que se informará oportunamente e coa antelación debida, para “que poidan participar os nenos, mozos e incluso familiares que teñan a posibilidade de conectarse”.
Asimesmo, se as fases da desescalada propostas polo Goberno do Estado seguen o roteiro previsto, a coordenadora do colectivo baralla a posibilidade de organizar algún tipo de “xuntanza ou campamento a pequena escala”, iso si, “non antes da segunda quincena do mes de agosto”, e sempre tras consensuar “que se poida levar a cabo con todas as garantías sanitarias posibles”.