O campamento de verán de Viveiro desenvolverase en xullo e agosto

AMariñaXa
O campamento de verán de Viveiro desenvolverase dende o 5 de xullo ata o 27 de agosto, para nenos de 4 a 12 anos
campamento1
14 Jun 2021

O campamento de verán de Viveiro desenvolverase dende o 5 de xullo ata o 27 de agosto, destinado a nenos con idades comprendidas entre os 4 anos e os 12 anos, empadroados no municipio.

Este servizo prestarase de luns a venres, de 8.30 a 14:00 horas, co obxectivo de facilitar en maior medida a conciliación familiar e laboral durante estes meses estivais.

O prazo para a presentación de solicitudes remata o venres 25 de xuño de 2021. As bases de selección do Campamento Urbano de Verán do Concello de Viveiro e o modelo de solicitude están publicados no taboleiro de anuncios dixital e na páxina web do concello.

O Campamento Urbano de Verán está destinado a nenos e nenas nados entre os anos 2009 e 2017, ambos os dous incluídos, e realizarase no pavillón do CEP Lois Tobío, de luns a vernes, en horario de 8.30 a 14.00 horas.

Ofértanse un total de 140 prazas. Para garantir a seguridade das nenas e nenos participantes, mantendo a distancia establecida e o traballo en grupo reducidos, establécense dúas quendas de 70 nenos e nenas cada unha, a elexir pola nai, pai ou titor/a. A primeira do 5 ao 30 de xullo e a segunda do 2 ao 27 de agosto.

De cubrirse a totalidade das prazas nunha quenda, atendendo á orde de inscrición, automaticamente quedarán adscritos á outra quenda, sempre no caso de quedaren prazas vacantes.

No caso de non cubrirse a totalidade das prazas na segunda quenda, poderían repetir os participantes na primeira, que así o desexen, atendendo ao criterio da orde de inscrición.

Resérvanse prazas para nenos e nenas con discapacidade igual ou superior ao 33% e para nenos e nenas pertencentes a familias en situacion de vulnerabilidade. No suposto de que as prazas reservadas non se cubran, pasarán a acumularse ao resto de prazas libres.

Coa prestación deste servizo, o Concello de Viveiro pretende favorecer a conciliación familiar, ofrecendo un recurso axeitado ás familias que por motivos laborais se atopan con dificultades para compaxinar a vida profesional e a crianza dos nenos e nenas. 

O obxectivo deste campamento é cubrir a nivel pedagóxico este tempo de lecer facilitando unha alternativa de ocio saúdable, fomentando o xogo, o deporte, a expresión artística así como os valores de convivencia e respecto entre iguais. Promoverase a realización de actividades de carácter lúdico: manualidades, obradoiros de refugallo, xogo cooperativo, actividades deportivas.

0.17044186592102