O “Camiño Gastronómico do Mar” regresa en outubro cun percorrido por 15 concellos da costa norte galega

A Asociación Amigos do Camiño do Mar Peregrinación a Santiago de Compostela e a Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela anuncian a posta en marcha da sexta edición do Camiño Gastronómico do Mar, unha proposta cultural e culinaria que mantén o dobre propósito co que naceu hai seis anos: dar a coñecer o Camiño do Mar e fomentar o consumo de peixe fresco.
O programa desenvolverase entre outubro e novembro, ao longo de sete domingos consecutivos. Cada etapa, de entre 12 e 15 quilómetros, percorrerá un tramo dos 15 concellos polos que pasa o itinerario xacobeo desde Ribadeo ata Neda, atravesando as comarcas da Mariña Lucense, Ortegal e Ferrolterra-Rías Altas.
O calendario desta edición arrinca o 19 de outubro en Ribadeo e Barreiros. O 26 de outubro será a quenda de Foz e Burela; o 2 de novembro tocaralle a Cervo e Xove; o 9 de novembro, a Viveiro e O Vicedo; o 16 de novembro, a Mañón e Ortigueira; o 23 de novembro, a Cariño e Cedeira; e a etapa final terá lugar o 30 de novembro en Valdoviño, Narón e Neda, onde se celebrará o evento de clausura.
As prazas están limitadas a 50 persoas por etapa, e as inscricións deberán formalizarse a través da web oficial www.caminogastronomicodelmar2025.com
, creada este ano coa colaboración do Galp A Mariña – Ortegal e financiada con fondos FEMPA. O prazo para apuntarse péchase cada xoves anterior á etapa correspondente, ou antes se se esgotan as prazas.
Cada xornada rematará cunha degustación de produtos da lonxa de Burela, preparados polos chefs da Asociación Cociñeiros Lugo coa colaboración de Estrella Galicia, Cabreiroá e Coffee Urban. Ademais, as persoas participantes poderán ir selando nos distintos concellos a súa propia “Compostela do Mar”, un recordo simbólico desta peregrinación gastronómica.
O presidente da Asociación Amigos do Camiño do Mar, Manuel Vicente González, salientou que este proxecto “segue medrando ano tras ano, incorporando novidades e melloras para facer do Camiño Gastronómico do Mar unha experiencia única que une patrimonio, tradición e produto local”.