O 'Camiño Gastronómico do Mar' incluirá sete fins de semanas de actividades

AMariñaXa
A Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela e a Asociación Amigos do Camiño do Mar Peregrinación a Santiago de Compostela presentaron unha nova edición do “Camiño Gastronómico do Mar”, unha iniciativa gastronómica que mantén o dobre obxectivo co que se lanzou fai xa catro anos: fomentar o consumo de peixe e promocionar o “Camiño do Mar”.
rutas Camiño do Mar
8 Out 2023

A Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela e a Asociación Amigos do Camiño do Mar Peregrinación a Santiago de Compostela presentaron unha nova edición do “Camiño Gastronómico do Mar”, unha iniciativa gastronómica que mantén o dobre obxectivo co que se lanzou fai xa catro anos: fomentar o consumo de peixe e promocionar o “Camiño do Mar”.

O acto tivo lugar no Salón de Actos de Armadores de Burela e estivo presidido polo Conselleiro de Mar da Xunta de Galicia, Alfonso Villares, contando coa presenza das alcaldesas de Burela, Cervo e Cariño, e o alcalde de Mañón; así como representantes do resto de concellos e das dúas Mancomunidades polas que discorre a acción: A Mariña Lucense e Ferrolterra Rías Altas.

Sergio López, xerente da OPP Burela, presentou esta nova edición facendo un balance das tres edicións anteriores e animando a todos os veciños do norte de Galicia a unirse a estas andainas gastronómicas que serven para seguir promocionando o consumo de peixe e “Peixe de Burela”, poñendo en valor a riqueza das diferentes especies pesqueiras da lonxa burelense.

Manuel Vicente, presidente da Asociación Amigos Camiño do Mar Peregrinación a Santiago de Compostela, destacou a consolidación desta iniciativa despois de tres edicións para seguir promocionando o “Camiño do Mar”, cuxas cifras de visitantes seguen crecendo cada ano, recibindo a peregrinos de ata 24 nacionalidades diferentes.

Alfonso Villares, conselleiro de Mar da Xunta de Galicia, aplaudiu este tipo de iniciativas que se organizan desde o porto de Burela e que axudan a seguir reforzando a imaxe de Galicia como unha das grandes potencias pesqueiras de Europa. O conselleiro prometeu mesmo tomar parte nalgunha destes roteiros, que promocionan a mesmo tempo o territorio e a saúde, a través do consumo de peixe e da práctica de exercicio ao aire libre. O obxectivo da Consellería do Mar é seguir colaborando coas OPPs e asociacións nestas campañas de promoción conxunta dos produtos pesqueiros galegos e do Camiño de Santiago.

Actividades

Así, durante o próximos sete fins de semana os participantes no “Camiño Gastronómico do Mar” percorrerán cada domingo unha etapa especial da ruta xacobea, que cruzará as comarcas da Mariña Lucense e Ferrolterra-Rías Altas, e pisará os quince concellos da costa norte de Galicia polos que pasa o Camiño do Mar, desde Ribadeo ata Neda, visitando cada domingo dous deles. En total serán sete etapas de aproximadamente 15 km cada unha.

Xa está aberta a inscrición para a primeira etapa, que se celebrará o vindeiro domingo 15 de outubro, que partirá de Ribadeo para visitar tamén o concello de Barreiros.

Seguirán as etapas de Foz-Burela o seguinte domingo día 22, Cervo-Xove o 29 de outubro, Viveiro-O Vicedo o domingo 5 de novembro, Mañón-Ortigueira o 12 de novembro, Cariño-Cedeira o domingo 19 e finalmente unha tripla etapa final, o domingo 26 de novembro, que percorrerá os concellos de Valdoviño, Narón e Neda.

Ao final de cada etapa ofrecerase a todos os participantes unha degustación de produtos da lonxa de Burela a cargo do chef Bruno Pena, da Asociación Cociñeiros Lugo, coa colaboración de Estrela Galicia. E ademais da satisfacción de pisar camiños milenarios e saborear a gastronomía do mar, os participantes no “Camiño Gastronómico do Mar 2023” tamén poderán selar en cada concello o seu particular “Compostela” e optarán a un premio final, xa que entre todos eles sortearanse unha cea para dúas persoas no restaurante A Mirandilla (Ribadeo), socio da Asociación Cociñeiros Lugo.

Esta acción está cofinanciada por Xunta de Galicia e FEMPA, incluída no plan de produción e comercialización anual da OPP-7 Porto de Burela co obxectivo de contribuír á rastrexabilidade dos produtos da pesca e ao acceso dos consumidores a información clara e completa.

0.22380399703979