O Camiño do Norte celebra en Ribadeo dez anos como Patrimonio da Humanidade

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | AMariñaXa
A ruta consolídase como porta histórica de entrada a Galicia e motor cultural, turístico e económico da Mariña Lucense
Ribadeo-Camino-Norte-10-anos-Patrimonio-Humanidade-2025
14 Dec 2025

O Camiño do Norte foi o gran protagonista do acto celebrado hoxe en Ribadeo con motivo do décimo aniversario da súa declaración como Patrimonio da Humanidade. O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou nesta conmemoración, na que puxo en valor esta vía xacobea como “un símbolo cultural e espiritual de Europa” e agradeceu tanto ao Concello de Ribadeo como á Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño o seu compromiso continuado coa conservación e promoción da tradición xacobea.

Durante a súa intervención, Merelles subliñou a importancia específica do Camiño do Norte ao seu paso por Ribadeo, ao que definiu como unha porta de entrada histórica a Galicia para xeracións de peregrinos procedentes de distintos puntos de Europa. Un papel que, segundo indicou, segue plenamente vixente, como demostra o crecemento sostido desta ruta, cun total de máis de 21.400 Compostelas recollidas este ano e cun marcado carácter internacional, xa que o 57 % dos camiñantes proceden doutros países.

O director de Turismo destacou tamén a proxección internacional que o Camiño do Norte achega á Mariña Lucense, contribuíndo de maneira directa ao desenvolvemento económico da comarca. Neste contexto, sinalou que ata o mes de outubro a zona recibiu 176.302 turistas, o que supón un incremento do 1,3%, que realizaron 357.889 noites nos establecementos hoteleiros, con 27.841 viaxeiros de orixe internacional.

Merelles explicou ademais que Galicia continúa avanzando cara a un modelo de xestión máis preciso e completo das rutas xacobeas, no que o Camiño do Norte ocupa un lugar destacado. A instalación de sensores en distintos itinerarios, entre eles o propio Camiño do Norte, permite medir con maior rigor o fluxo real de peregrinos. Estes datos indican que o tránsito segue en aumento e que o promedio de peregrinos que percorren estas rutas sitúase en 1,70 persoas por cada Compostela emitida ata finais de outubro.

Finalmente, o responsable autonómico referiuse ao Plan Director dos Camiños de Santiago, ao que a Xunta destina máis de 141 millóns de euros como folla de ruta ata o Xacobeo 2027. Un plan que inclúe actuacións en infraestruturas, innovación, sostibilidade, accesibilidade e impulso cultural, co obxectivo de reforzar o valor do Camiño do Norte e do conxunto das rutas xacobeas como patrimonio vivo e elemento clave do territorio.

⚙ Configurar cookies
0.0780930519104