O Camiño do Mar promoverase entre os mozos bureleses

AMariñaXa
O Camiño do Mar promoverase entre os mozos bureleses e levarase a cabo coa colaboración dos centros educativos
Burela Camino do Mar colexios promocion
18 Mar 2022

A Concellería de Turismo promocionará o Camiño do Mar nos Ceips Virxe do Carme e Vista Alegre. Ramiro Fernández Rey considera que se trata dun acicate turístico moi importante para toda A Mariña “e hai que intentar explotalo da mellor maneira posible”. Esta iniciativa foi presentada por Fernández Rey, xunto a Lucas Requejo, de Prato DO, e os directores dos centros de ensino.

O concelleiro de Turismo contou que “no Concello de Burela fixemos a presentación dunha actividade que xa tíñamos gana de facer hai tempo e que consiste en empezar a promover o Camiño do Mar. Entendemos que vai ser un acicate turístico para toda A Mariña e non queremos deixar de aproveitar esta ocasión para intentar explicarlle a toda a sociedade que é o Camiño do Mar, por onde pasa e intentar explotalo da mellor maneira posible”.

Fernández Rey explicou que “a iniciativa que vamos poñer en marcha, grazas ao Plan Único da Deputación Provincial, á que quero agradecerlle esta axuda, levarase a cabo coa colaboración dos centros educativos, neste caso os CEIP Virxe do Carme e Vista Alegre, cuxos directores participaron na xuntanza que tivemos coa organización sen ánimo de lucro que nos vai axudar a sacar o proxecto para adiante. Trátase de dar a coñecer entre os neno e as nenas, neste caso o alumnado de Primaria, o que é o Camiño do Mar. Este trazado está en cernes e esperemos que en breve se poida oficializar como un camiño recoñecido pola Xunta de Galicia pois todos os pasos indican que vai ser así. E queremos que os nosos nenos empecen a familiarizarse co Camiño do Mar, co seu trazado en Burela”. 

O edil burelés sinalou que “consiste en promover o Camiño do Mar entre a nosa xente nova e ademais cunha concienciación medioambiental, que vamos aproveitar para darlle tamén para poder ver a fauna e a flora da zona e incluso a evolución de Burela. Eu penso que é unha iniciativa positiva, que vai ter moi boa acollida, de feito os directores dos colexios apuntáronse rapidamente a participar e a colaborar. É un primeiro paso para esa promoción do Camiño do Mar e esperemos poder seguir avanzando e facendo novas iniciativas que poidan axudar a ese impulso do Camiño do Mar porque eu penso que vai ser un motor económico, turístico e hostaleiro na Mariña. Estas iniciativas son positivas para Burela en particular e para toda a comarca en xeral”. 

Ramiro Fernández engadiu que “tivemos a primeira toma de contacto cos directores dos centros e agora a organización sen ánimo de lucro Prato DO, que vai ser a que nos axudará nesta iniciativa, quedou en estar en contacto cos colexios para poder amoldarnos ás actividades escolares que teñen programadas os distintos centros. Falaban da última semana de abril ou a primeira de maio para intentar levar a cabo esta iniciativa, que esperemos que teña éxito e sexa recoñecida polo alumnado”.

0.20109081268311