O Camiño do Mar Concello a Concello partirá de Ribadeo o 8 de marzo na súa quinta edición

AMariñaXa
O Concello de Ribadeo destaca a recuperación de espazos en desuso e a colaboración institucional para reforzar a formación e a inserción laboral
RIBADEO-Camiño-do-Mar-2026
27 Jan 2026

Ribadeo será o punto de saída, o vindeiro 8 de marzo, da quinta edición do Camiño do Mar Concello a Concello, unha iniciativa que continúa a consolidarse como ferramenta de promoción territorial, turística e económica para toda a Mariña e o norte de Galicia. A presentación oficial tivo lugar esta mañá no Pazo de Ibáñez, nun acto no que participaron representantes institucionais e do tecido asociativo e comercial.

No encontro estiveron presentes o alcalde de Ribadeo, Dani Vega; a concelleira de Turismo, Marta Saiz; o presidente da Asociación Amigos do Camiño do Mar, Manuel Vicente, entidade organizadora do evento; e a presidenta de ACISA, Carmen Cruzado. Durante a presentación destacouse o carácter colaborativo do proxecto, que conta coa implicación dos concellos polos que discorre o itinerario.

Manuel Vicente subliñou que o Camiño do Mar supón “unha oportunidade non só para Ribadeo, senón para toda a comarca”, incidindo na importancia de recuperar e poñer en valor a tradición de hospitalidade que sempre caracterizou á Mariña. O presidente da asociación organizadora animou á cidadanía a participar nesta quinta edición, que permitirá completar un percorrido de 280 quilómetros grazas á colaboración institucional e social ao longo de todo o trazado.

Desde o ámbito empresarial, Carmen Cruzado expresou a satisfacción de ACISA por formar parte dunha iniciativa que considera clave para o comercio, a hostalaría e os servizos turísticos. A presidenta da asociación destacou que tanto o Camiño do Mar como o Camiño Norte representan un importante motor económico, lembrando ademais que ACISA funciona como punto oficial de selado das credenciais do peregrino. “Agardamos seguir colaborando durante moitos anos máis”, sinalou.

Pola súa banda, o alcalde Dani Vega puxo en valor o impacto económico e social dos camiños xacobeos, afirmando que “xeran riqueza e crean valor”. O rexedor lembrou que Ribadeo é porta de entrada de dúas rutas xacobeas, o Camiño do Mar e o Camiño Norte, este último recoñecido como Patrimonio da Humanidade, e defendeu a necesidade de saber aproveitar este legado desde unha perspectiva de coidado e responsabilidade colectiva.

O alcalde agradeceu o traballo da Asociación Amigos do Camiño do Mar e a implicación de ACISA, salientando o papel de Ribadeo como capital comercial e como espazo no que patrimonio, comercio e turismo se dan a man. O acto concluíu cun convite simbólico a “facer o Camiño” e a seguir fortalecendo unha iniciativa que medra edición tras edición.

⚙ Configurar cookies
0.076643943786621