O Callo Fest regresa mañá a San Cibrao cun cartel de luxo para celebrar a súa sétima edición

AMariñaXa
A cita celebrarase o 26 de decembro na Praza dos Campos cunha noite de concertos, festa e reparto gratuíto de callos
CERVO-callo-fest-2025
25 Dec 2025

O Concello de Cervo presentou oficialmente o cartel da sétima edición do Callo Fest, un evento xa plenamente consolidado no calendario cultural e festivo da Mariña. A iniciativa, organizada en colaboración coa Asociación Amigos da Troula, terá lugar o venres 26 de decembro na Praza dos Campos de San Cibrao e converterá este espazo nun punto de encontro para a música en directo, a convivencia e a celebración colectiva.

Desde a organización definen esta nova edición como unha auténtica festa de pre-fin de ano, concibida para compartir con amigos e familia nun ambiente próximo, animado e aberto a todos os públicos. O festival aposta por unha programación musical diversa, con catro actuacións en directo que combinan estilos e traxectorias, dando protagonismo tanto a bandas consolidadas como a proxectos emerxentes do panorama galego e mariñán.

Un dos grandes atractivos do cartel será a presenza de Aphonnic, formación viguesa de metal alternativo con máis de dúas décadas de carreira. Coñecidos polo seu contundente directo, chegarán a San Cibrao tras o seu paso polo Main Stage do Resurrection Fest 2025 e avalados por recoñecementos como o Premio Martín Códax da Música Galega 2017 na categoría de metal.

A noite continuará coa actuación de Black Back Band, considerada a mellor banda tributo a AC/DC en Galicia. O seu concerto promete un percorrido polos grandes clásicos do rock, cun espectáculo enerxético pensado para facer vibrar ao público de todas as idades.

O talento mariñán tamén terá un papel destacado da man de Not Yet, banda emerxente de post-hardcore que presentará o seu primeiro traballo discográfico, Two Steps to Rest. A súa participación en festivais de referencia como o Resurrection Fest ou o Tsunami de Xixón reforza a súa proxección como unha das propostas máis prometedoras da escena actual.

Completa o apartado de concertos Until Dawn, un proxecto de recente creación integrado por músicos con experiencia en bandas como Sunday Morning Club ou Lazy Bones. A súa proposta mestura metal e rock progresivo cun son potente e elaborado, marcado pola técnica e a personalidade.

Tras as actuacións en directo, a Disco Móbil Conxuro será a encargada de pechar o festival cunha sesión festiva para prolongar a celebración ata ben entrada a noite.

O Callo Fest vai moito máis alá da música. A cita inclúe as tradicionais badaladas das doce, a modo de ensaio para despedir o ano, así como o reparto gratuíto de racións de callos entre o público asistente, un dos sinais de identidade do evento que cada ano converte a praza nun espazo de confraternidade e bo humor.

A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, subliñou que “o Callo Fest consolídase como unha cita imprescindible no noso calendario cultural, combinando música de calidade, participación veciñal e dinamización social”. A rexedora convidou a veciños e visitantes a achegarse a San Cibrao para “gozar dunha noite diferente, pensada para todas as idades e para compartir en boa compañía”.

Con esta sétima edición, o Concello de Cervo reafirma a súa aposta pola cultura e pola música en directo, fortalecendo unha programación que contribúe a dinamizar a vida social do municipio e a consolidar o Callo Fest como unha das festas máis singulares da comarca.

PROGRAMACIÓN COMPLETA

⚙ Configurar cookies
0.066313028335571