O Callo Fest de San Cibrao celebra a súa sétima edición cun potente cartel musical e sabor a fin de ano

AMariñaXa
A cita, organizada polo Concello de Cervo e Amigos da Troula, terá lugar o 26 de decembro na Praza dos Campos e combinará concertos, festa, callos e as tradicionais badaladas anticipadas
CERVO-callo-fest-2025
3 Nov 2025

O Concello de Cervo, en colaboración coa Asociación Amigos da Troula, vén de presentar o cartel oficial da sétima edición do Callo Fest, unha das citas máis singulares e festivas do calendario local. O evento celebrarase o venres 26 de decembro na Praza dos Campos de San Cibrao, e promete unha noite de música, convivencia e diversión pensada para todos os públicos.

A organización define esta edición como “unha auténtica festa de pre-fin de ano”, deseñada para gozar con amigos e familia nun ambiente próximo, alegre e participativo. O programa inclúe catro actuacións en directo de estilos moi variados, con bandas galegas e mariñás que destacan pola súa calidade e traxectoria.

Entre os protagonistas do cartel figura Aphonnic, o recoñecido grupo vigués de metal alternativo con máis de vinte anos enriba dos escenarios. Co seu potente directo, a banda achegará a San Cibrao parte da enerxía coa que conquistou o Main Stage do Resurrection Fest 2025, e sumará un novo éxito a unha carreira premiada co Martín Códax da Música Galega 2017 na categoría de metal.

A segunda proposta chegará da man de Black Back Band, considerada o mellor tributo a AC/DC en Galicia. O seu concerto promete un espectáculo vibrante, cargado de rock clásico, que fará botar de emoción a espectadores de todas as idades.

O público mariñán tamén terá unha presenza destacada no escenario coa banda Not Yet, formación emerxente de post-hardcore que presentará o seu primeiro disco, Two Steps to Rest. O seu paso por festivais de referencia como o Resurrection Fest ou o Tsunami de Xixón consolida o seu nome como unha das apostas máis frescas e prometedoras do panorama galego.

A noite continuará coa actuación de Until Dawn, un proxecto de recente creación formado por músicos con experiencia en grupos como Sunday Morning Club e Lazy Bones. A súa proposta combina metal e rock progresivo nun son cheo de forza, técnica e personalidade.

Como colofón, a Disco Móbil Conxuro pechará o festival cunha sesión pensada para bailar e celebrar ata ben entrada a noite.

O Callo Fest non é só música. A cita transformouse xa nunha grande festa de fin de ano anticipada, na que non faltarán as badaladas das doce —a modo de ensaio para recibir o novo ano— e o tradicional reparto gratuíto de racións de callos entre o público asistente, convertendo a praza nun espazo de confraternidade e bo humor.

A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, destacou que “o Callo Fest consolídase como unha cita indispensable no noso calendario cultural e festivo, un evento que combina música de calidade, convivencia e dinamización social”. Engadiu ademais que “queremos invitar a veciños, visitantes e amantes da música a reservar a data, vir con ilusión e compartir unha noite diferente, pensada para todas as idades e para gozar en boa compañía”.

Con esta sétima edición, o Concello de Cervo reafirma o seu compromiso coa cultura e coa música en directo, impulsando unha programación que fortalece a vida social e cultural do municipio e que converte o Callo Fest nunha marca de identidade para San Cibrao e para toda a Mariña.

PROGRAMACIÓN COMPLETA

⚙ Configurar cookies
0.068819999694824